Entrevista

Rosalía Fernández Rial: "Nunca foi tan necesario facer un ensino activo e creativo"

A escritora bergantiñá Rosalía Fernández Rial. (Foto: Nós Diario)

Rosalía Fernández Rial gañou onte o VII Premio Vidal Bolaño por Fóra de campo. A recoñecida escritora é filóloga, doutora en Didáctica das Linguas, mestra en Cabana de Bergantiños e vén ademais de publicar Mover ficha (Galaxia), no que propón un ensino activo e comunicativo, no que convivan a lingua e a literatura coas distintas artes.

—En que consiste a proposta didáctica de Mover ficha?
É unha proposta didáctica coa que se pretende que o ensino sexa máis activo, máis comunicativo, que os coñecementos se vinculen entre si de maneira orgánica e natural, esa é a chave, combater estruturas máis ríxidas de pensamento e de ensino.

—Refírese a conectar o ensino de linguas coas performance.
Trátase de aplicar as artes ao ensino. O que propoño en Mover ficha é que nas materias de linguas convivan a lingua e a literatura coas artes escénicas, tamén coas artes plásticas e as musicais. Que todo forme parte dun gran proxecto, que o ensino das artes e as linguas se entrelacen e tamén o desenvolvemento dunha sensibilidade cara ás artes e cara á literatura. É unha evidencia que a Intelixencia Artificial está aí, as máquinas e a robótica están aí e o ensino non pode dar as costas a isto. Nunca foi tan necesario facer un ensino activo, creativo e que desenvolva as cualidades humanas.

—Como profesora de linguas, como ve a situación do idioma galego no ensino?
As profesoras de calquera lingua debemos ter unha conciencia de normalización lingüística e darnos conta de que a evidencia científica é que temos o privilexio de poder ser bilingües, e temos o privilexio de que a nosa lingua primeira (o galego) nos permita adquirir outras linguas de maneira moito máis doada. O ensino de todas as linguas nunha comunidade como a nosa debería ter un enfoque diferente.

—Cal debera ser ese enfoque?
Non teño a chave pero penso que é moi importante ensinar o galego, e as demais linguas, na Galiza desde actitudes positivas e desde a innovación didáctica. Desde a conciencia de posuírmos algo noso, é algo que nos enriquece. Eu non creo na confrontación, desde o negativo é moito máis difícil construír, penso que o galego é a raíz desde a que medrar. No libro céntrome nas materias de linguas en xeral, sobre todo galego e castelán. O importante é que se faga de maneira coordinada e tamén desde unha conciencia.

—Pero a situación do galego e o castelán non é a mesma…
Hai unha situación de diglosia innegábel. As circunstancias son as que son, penso que a chave é partir dos contextos que temos e pensar que unhas linguas precisan máis apoio que outras. É como quen non quere entender o feminismo. A partir do que existe, a desigualdade é un feito pero as linguas non teñen culpa dese feito. Temos que privilexiar a lingua minorizada, pero para iso non é necesario confrontar a outra lingua porque a lingua en si non ten culpa.

Na sociedade o castelán está privilexiado porque impera nos medios e en todo arredor, o que se precisa é crear unha conciencia normalizadora de maneira que se ti aprendes fundamentalmente en galego e desenvolves o galego como lingua primeira, evidentemente vai ser máis doado que polo ambiente xa sexas unha persoa bilingüe, e desde aí vai ser máis doado acceder a unha terceira e unha cuarta lingua.

—Que provoca a falta de fomento do ensino en galego?
Creamos persoas monolingües, unha mente monolingüe e totalmente distinta. É unha evidencia científica que unha persoa monolingüe vai ter unhas habilitades lingüísticas diferentes. Se estamos instaladas en dúas linguas perfectamente imos ter moitas vantaxes tamén no desenvolvemento doutras actitudes coma pode ser a tolerancia, outros puntos de vista... É moito máis enriquecedor que se nos instalamos nun paradigma monolingüe. Non pode existir un plurilingüismo no que unha nena ou neno galego non saiba falar galego.

VII Premio Vidal Bolaño

"Foi unha sorpresa recibir o Premio Vidal Bolaño, estou moi feliz porque Fóra de campo é unha obra de teatro para adolescentes e faime especial ilusión o recoñecemento. Nesta obra conflúe a escrita pero tamén o meu contacto cos adolescentes nos colexios. Unha das miñas metas mentais é conciencialos de que traten de evitar o acoso e contribuír a que creen relacións entre iguais", salientou onte Fernández Rial a Nós Diario, minutos despois de saber que fora a gañadora.

O xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño destacou onte de Fóra de campo a súa temática acaída ao premio porque tata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacaron tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso. O certame convócao o Concello do Porriño, o instituto de secundaria Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia.