A rotura dunha tubaxe obriga a desaloxar parte do CHOU

Exteriores do CHUO en Ourense (Foto: Google).

A incidencia rexistrouse nunha zona do novo edificio do complexo hospitalario.

A rotura dunha tubaxe asolagou unha zona do novo edificio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e obrigou ao desaloxo, de forma puntual, dalgunha zona de acceso, segundo informaron desde a Xerencia da área sanitaria, que explica que se traballa para solucionalo "o máis axiña posíbel". Foi ao redor das nove e cuarto da mañá cando rompeu unha tubaxe de auga quente no piso 0 do novo edificio do CHUO. Este incidente obrigou a desaloxar, de forma puntual, algunha zona de acceso.

"Pero non afectou, en ningún momento, á actividade asistencial", insisten desde a Xerencia, que sinala que se está avaliando as causas que puideron ocasionar a incidencia.

"Aínda que poderían deberse a unha mal embalaxe nunha tubaxe", apostilan tamén sobre a posíbel causa para apuntar, ademais, a danos no falso teito pola choiva que tamén se tratan de arranxar "no menor tempo posíbel".

Mentres, aínda que inciden en que a actividade asistencial non se viu afectada, piden desculpas a pacientes e usuarias "polas molestias que este incidente lles puido ocasionar".

O xerente da área sanitaria, Santiago Camba, afirma que o incidente se produciu en dependencias administrativas e "de paso". "Non afectou á hospitalización nin aos pacientes que poden estar ingresados", insistiu, ademais de pedir tamén desculpas.

"O groso do problema está xa solucionado e, nestes momentos, o que imos facer é revisar coas empresas de mantemento aquelas posíbeis incidencias para que a recuperación sexa completa", apostila en declaracións aos medios de comunicación.

"Este tipo de problemas hai que revisalos para que non sucedan máis", insistiu a este respecto.