crise dos pellets

Rueda evita falar da contratación da empresa Silman'97 SL para a formación de voluntarias para limpar pellets

Alfonso Rueda esta quinta feira (Foto: Arxina).
Rueda evitou tamén pór unha nota á xestión do Goberno galego da crise dos pellets, pero si dixo que un 10 será cando estean "as praias limpas" de "todos os plásticos, non só os pellets".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu esta quinta feira que "todas as contratacións" realizadas pola Administración galega para a recollida dos pellets plásticos das praias "fanse dentro da máis estrita legalidade". Ademais, a diferenza da súa vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, que a segunda feira dixo que a Xunta actuara "de 10, por non dicir de matrícula de honra", Rueda evitou pór unha nota á xestión do Goberno galego, pero si dixo que un 10 será cando estean "as praias limpas" de "todos os plásticos, non só os pellets".

Desta forma respondeu o presidente galego, ao ser interpelado en diversas ocasións polos medios de comunicación, na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Consello da Xunta.

Unha das preguntas da prensa foi por mor dunha información publicada por O Salto Diario, sobre a contratación á empresa Silman'97 SL, especializada en comunicación e márketing e pertencente a Noventia Corporación Empresarial, da parte loxística e de formación de voluntarios para a limpeza dos areais. Alfonso Rueda non se referiu a esta información concreta.

Medios propios

Segundo denunciou a CIG esta cuarta feira, un mes despois de que a Xunta da Galiza coñecera a chegada dos pellets ás praias galegas “non ten mobilizado ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida”.

Así o alertou a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, que explica que a Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. “Máis de 300 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar”.

Denuncia que a Consellaría de Medio Ambiente considerou que “non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante”, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpeza non danaran áreas protexidas, as especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental.