Rueda, fronte ás protestas pola falla de persoal, di que as medidas adoptadas por Sanidade para o verán están a dar "un bo resultado"

Manifestación en defensa da sanidade, este domingo en Moaña (Foto: Nós Diario).
Di que a sanidade "funciona con normalidade".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou que as medidas "excepcionais" adoptadas pola Consellaría de Sanidade para facer fronte ao verán están "a dar un bo resultado" e "funcionando con normalidade".

O titular do Executivo galego pronunciouse deste modo ao ser preguntado polas protestas que denuncian a falta de asistencia sanitaria en centros de saúde durante o período estival.

Respecto diso, Rueda sostivo que a Xunta está a facer "esforzos importantes" durante o verán, con medidas que "foron criticadas con dureza e sen dar ningunha oportunidade para ver se realmente funcionaron".

E é que, entre outras accións, Sanidade contempla este período estival que os MIR de último ano poidan pasar consulta de forma voluntaria e supervisada.

Rueda dixo que se trata de "medidas excepcionais" que se "adoptaron pola Consellaría de Sanidade". "Sinceramente, están a dar un bo resultado e funcionando con normalidade fóra de situacións puntuais que se dan no verán", sostivo.

Nesta liña, Rueda dixo que as medidas que o Goberno galego trata de aplicar as medidas que están na súa "man", como demanda que as aplique o Ministerio de Sanidade.

 "Queda aínda o mes de agosto, un mes complicado desde o punto de vista da atención sanitaria, pero espero que a normalidade que se produciu este mes de xullo, tamén se de en mes de agosto e que as medidas que se criticaron inxustamente e precipitadamente por algunhas instancias políticas, sigan dando bo resultado", apuntou.

Nos últimos días diferentes comarcas galegas acolleron protestas e kobilizacións ante a falla de persoal médico, como Noia ou Morrazo.