Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira: "Os eólicos non poden ser a calquera prezo"

(Foto: Concello de Porqueira)

A popular Susana Vázquez é alcaldesa de Porqueira, concello de pouco máis de 800 habitantes na comarca da Limia. Pronunciouse publicamente contra a liña de alta tensión (LAT) proxectada pola empresa enerxética Greenalia e que, partindo do parque eólico a facer en Calvos de Randín, vai atravesar  oito municipios. Terá  unha extensión, segundo  Stop Eólicos Xurés Celanova, de 50 km.

Maniféstase moi crítica coa Liña de Alta Tensión que atravesa a comarca.

En primeiro lugar, soubemos hai uns días de que vai saír a exposición pública esa liña que afecta este municipio e da que tiñamos un total descoñecemento. Sabiamos que había un proxecto de parque eólico para Calvos de Randín mais nin idea da LAT, ninguén se dirixiu a nós.

Cal é a nosa sorpresa cando nos din que isto vai saír en torno ao 18 de maio, de aí que empezaramos as xuntanzas cos veciños para informar. A LAT atravesa terreos e prados comunais, fincas particulares, mananciais... 

Que impacto tería?

Vexo moi prexudicial esta liña de alta tensión, estamos nun concello pequeno, temos unha zona declarada rede natura e outra declarada zona ZEPA (de especial protección de aves). Podemos dicir que este é un concello “limpo”, que non ten ningunha afección, e que agora nos vaia atravesar unha LAT... non o vexo beneficioso, creo que pode haber outras alternativas. E que por un parque eólico en Calvos de Randín haxa que meter unha liña destas que atravesa un montón de concellos [un total de oito municipios] até chegar a Frieira, pasando por un montón de quilómetros non o vexo, a verdade.

Denuncia o “escurantismo” co que se levan estes proxectos...

A nós non se dirixiu ninguén até que o outro día chamaron da Consellaría de Industria para dicir que estaba para saír publicado o estudo. O que menos imaxinas é que un parque eólico en Calvos acabe pasando polo teu concello, e que teñas menos de 15 días para alegar. Pero como pode ser isto! Entón, claro, lóxico que falemos que hai “escurantismo”. A día de hoxe aínda ninguén se dirixiu a nós, non o entendo. Os terreos por onde vai pasar son da xente... e non falan con eles?

En concellos das comarcas da Limia e Celanova hai varios parques eólicos proxectados, de aí a importancia desa liña de alta tensión?

Eu non estou en contra da eólica, hai que ir avanzando por aí. Mais non pode ser a calquera prezo, ten que ser co mínimo dano posíbel. Onde se poñen os parques hai xente que vai sufrir uns prexuízos moi grandes. A veciñanza está moi preocupada. Quizás por ser concellos pequenos, do rural, con pouca poboación, pois ningunéannos desta maneira.