Galiza perdeu 87.992 residentes en 16 anos á vez que o Estado gañou 2,9 millóns

Na imaxe, un home camiñando polas rúas de Melide. (Foto: Nós Diario).

A poboación galega continúa perdendo peso relativo no conxunto do Estado. Ao tempo, asístese a un acentuado proceso de despoboamento de amplas zonas do país, con especial incidencia nas comarcas non emprazadas na área atlántica. As proxeccións do INE avanzan un aceleramento da tendencia

 

Galiza entrou en 2024 cunha poboación de 2.705.277 persoas, o que representa o 5,6% do conxunto do Estado español. Malia que os datos dese ano certifican un incremento no número de residentes en relación a 2023 de 0,2%, empuxado polo efecto da inmigración, a tendencia demográfica de fondo continúa a ser negativa e sitúase dentro dun ciclo histórico que parte das grandes mudanzas demográficas producidas a raíz das emigracións masivas das décadas dos 60 e 70, agudizado polos efectos na economía galega da integración no Mercado Común Europeo, antecedente da actual Unión Europea (UE).

Galiza é unha das catro comunidades autónomas do Estado que perderon poboación nos últimos 15 anos, canda Castela e León, Asturias e Estremadura, que cederon o 6%, o 5,8% e o 2,8% respectivamente. A este respecto, a Memoria sobre a situación económica e social da Galiza, presentada o pasado 23 de xullo polo Consello Económico e Social da Galiza (CES), documenta que de 2008 a 2023 o país perdeu 87.992 residentes, unha caída de 3,2%, o que contrasta co incremento superior a 2,9 millóns de habitantes (6,4%) no conxunto do Estado.

Unha panorámica comparada da tendencia no último século permite coñecer con máis precisión a realidade demográfica galega. Se á volta de 1920, Galiza sumaba 2.342.545 habitantes e representaba, practicamente, o 11% da poboación do Estado, transcorridos poucos máis de 100 anos significa o 5,6% do total estatal, caendo o seu peso relativo en 5,3 puntos. Así, nese período o Estado español multiplica por oito e aumenta, case, nun 248% a súa poboación, mentres que Galiza reduce á metade a súa posición no conxunto estatal. As proxeccións publicadas nos últimos anos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) coinciden en confirmar o mantemento e, mesmo, o agravamento da tendencia actual.

Ademais, Galiza rexistra unha poboación envellecida. A idade media situábase a comezos deste ano en 48,2 anos, un incremento de 3,8 anos desde 2020. A este respecto, o informe do CES destaca que “Galiza mantense como a terceira comunidade autónoma con maior idade media, só por detrás de Asturias (49,3 anos) e Castela e León (48,3 anos)” e desvela que “no último ano tan só tres provincias do Estado superan os 50 anos de idade, situándose Zamora como a provincia con maior idade media, con 51,7 anos, por diante de Ourense e Lugo con 51,2 e 50,5”. Debúxase unha dialéctica diferenciada entre a Galiza atlántica e a interior.

Avellentamento

A memoria do CES apunta que “a 1 de xaneiro de 2024, a poboación de 65 e máis anos aumenta na Galiza a 720.189 persoas, o 26,6% da poboación total, 6,2 puntos porcentuais por riba do rexistrado no conxunto do Estado”. A porcentaxe "agrávase nos concellos de menos de 1.000 habitantes, onde case o 44% a poboación ten máis de 65 anos", concluíndo que “o envellecemento na Galiza é dobremente preocupante ao estar caracterizado por unha tendencia descendente da poboación potencialmente activa, que repercute de xeito directo na sustentabilidade do sistema de Seguridade Social”.

As últimas décadas asístese a un sostido despoboamento de grandes áreas da Galiza. Segundo os datos do INE para 2023, último ano con cifras, 1.895 núcleos de poboación galegos carecen de habitantes. As comarcas da circunscrición de Lugo contan con 885 lugares abandonados, as da Coruña con 671, as de Ourense con 173 e as de Pontevedra con 166. Ao tempo, adianta que outros 2.500 asentamentos están próximos a repetir esta situación.

As comarcas de Ortegal, A Mariña e O Eume presentan os peores números. Así, o concello de Ortigueira rexistra 124 núcleos sen residentes, outros 30 cunha persoa censada e 136 con menos de 10 habitantes. Asemade, o municipio perdeu o 48,1% da súa poboación desde 2020, pasando de 8.533 habitantes a 5.420. A continuación, colócase o concello das Pontes, con 87 núcleos abandonados e unha perda de habitantes do 21,2% no mesmo período.

O relatorio do CES avanza que “a perda poboacional desde xaneiro de 2008 rexístrase tanto na Galiza interior como na costa; no conxunto de concellos de menos de 10.000 habitantes; e nos sete grandes concellos galegos por mor do descenso da poboación en Vigo, Ourense e, en maior medida, en Ferrol”. "O conxunto das comarcas que compoñen a chamada Galiza interior sofre no período 2008-2023 unha perda de poboación de 78.965 habitantes. Por outra banda, nese período de tempo a perda de poboación residente nas comarcas da denominada Galiza occidental-costa foi de 9.027 persoas menos, acadando as 1.956.455 persoas”.

"A poboación inscrita nos 36 concellos menos poboados da Galiza (menos de 1.000 habitantes) descende até as 25.500 persoas (206 menos que no ano anterior), o que representa o 0,9% da poboación galega. Na mesma data de 2008, tan só 17 concellos contaban con menos de 1.000 habitantes, acollendo un total de 12.230 persoas, o 0,4% da poboación galega”, advirte o CES.

A poboación galega de nacionalidade non española suma 154.965 persoas

A estatística continua de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE) confirma que a 1 de xaneiro de 2024 residían na Galiza un total de 154.965 persoas con nacionalidade diferente á española, o que supón un incremento de 15.659 persoas e do 11,2% a respecto da mesma data do ano anterior.

A Memoria sobre a situación económica e social da Galiza sinala que “a poboación estranxeira representa o 5,7% da poboación total residente na Galiza, lonxe do 13,4% que representa a poboación estranxeira no conxunto da poboación estatal”. Nesta orientación, sinala que “Galiza mantense como a segunda comunidade autónoma con menor peso relativo de poboación estranxeira, superando tan só a Estremadura (4,1%)”. Ao tempo, destaca que “na Galiza están inscritos o 2,4% dos estranxeiros residentes no conxunto do Estado, porcentaxe inferior ao peso relativo da poboación galega no Estado, que é do 5,6%”.

O relatorio do Consello Económico e Social da Galiza (CES) sinala sobre a orixe das persoas inmigrantes en 2023 de nacionalidade non española que “o 48,1% procede de países suramericanos, ascendendo esa porcentaxe até o 20% no caso das persoas procedentes da Unión Europea e un 11,9% de países africanos”. Nesta orientación, a memoria do CES apunta “que das 137.543 persoas nacidas en América do Sur que residían na Galiza en 2023, 16.629 máis que no ano anterior (13,8%), o 53,5% teñen nacionalidade española, ascendendo esta porcentaxe até o 73,6% no caso das persoas nacidas en países europeos que non pertencen á UE”.