Sabes como actuar ante a picadura dunha carabela portuguesa? Estas son as recomendacións da Consellaría de Sanidade

Carabelas portuguesas nunha praia da Coruña a pasada semana. (Foto: Concello da Coruña)

Nos últimos días detectouse a presenza de carabelas portuguesas en diferentes areais galegos.

A proliferación de carabelas portuguesas (Physalia physalis) nas costas galegas incrementan as posibilidades de sufrir unha dolorosa e perigosa picadura destes hidrozoos mariños con aparencia de medusa. O veleno da carabela portuguesa produce nos seres humanos consecuencias neurotóxicas, citotóxicas e cardiotóxicas, producindo unha dor moi intensa cando se entra en contacto cos seus longos tentáculos, chegando incluso (aínda que con moi pouca frecuencia) a rexistrarse casos de morte. 

Con vistas a evitar os posíbeis efectos adversos das picaduras deste organismo colonial, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou á poboación do protocolo para seguir en caso de picadura por unha medusa nas zonas de baño da Galiza.

Así, en primeiro lugar, a persoa alcanzada por unha medusa deberá saír da auga e eliminar os posibles restos de tentáculos que teña no corpo. Para realizar esta extracción deberá evitar o contacto directo coas mans, polo que recomendan utilizar pinzas ou luvas ou, na súa ausencia, co bordo dun obxecto ríxido e plano. Advirten de que é moi importante que nesta primeira actuación en ningún momento se rasque ou fregue a zona afectada, nin que se empreguen toallas ou area para limpar a ferida, xa que esta presión podería aumentar a liberación de veleno.

O segundo paso a seguir é lavar a zona afectada con auga de mar limpa, comprobando previamente que esa auga non teña fragmentos de tentáculos. Sinalan tamén que non se debe lavar a zona con auga doce, xa que o cambio de salinidade provoca unha maior liberación de veleno. Tampouco se debe utilizar amoníaco, vinagre ou ouriños.

A continuación, deberase aplicar frío sobre a zona da picadura mediante unha bolsa de plástico con xeo e por un espazo de tempo de 15 minutos. Desta maneira, evítase que o veleno pase á rega sanguínea. O último paso será desinfectar a ferida con tintura de iodo para evitar posíbeis infeccións. Así, coidarase a ferida até que cicatrice e tentarase evitar outra posíbel picadura durante o resto do verán, xa que as súas consecuencias poden ser moito peores ao quedar o corpo sensibilizado ao veleno.

Lembran tamén que en caso de contar con servizo de socorrismo na praia, deberase acudir ao mesmo e que, en caso de padecer síntomas xerais como náuseas, vómitos, mareos, cambras musculares, dor de cabeza ou dificultade para respirar, deberase acudir ao centro sanitario máis próximo ou chamar ao 112.