Convocan unha andaina en Sabucedo contra a "avalancha eólica"

Unha muller pasando por diante dunha pintada durante a mobilización contra a 'burbulla eólica' de maio de 2023 en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
As entidades convocantes buscan con esta protesta, o sábado 8 de xuño, "defender a última serra do interior da provincia de Pontevedra sen colonizar pola industria eólica".

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo veñen de convocar para o sábado 8 de xuño unha andaina de protesta contra a "nova avalancha de 'macroproxectos' eólicos na Terra de Montes e arredores".

Co obxectivo de "defender a última serra do interior da provincia de Pontevedra sen colonizar pola industria eólica", as persoas participantes partirán ás 9.30 horas do teleclub de Sabucedo cara O Peón, lugar no que se xuntan as bestas para a Rapa, onde se dará lectura a un manifesto para "reivindicar a conservación destes montes, fogar das bestas e de tantas outras especies de fauna e flora".

A organización desta andaina, que conta coa participación do Concello da Estrada, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Concello de Campo Lameiro, prevé realizar un percorrido sinxelo, de nove quilómetros, que permitirá retornar á aldea de Sabucedo arredor das 14 horas.

BIC contra a eólica

A pasada semana Nós Diario informaba da intención deste colectivo de demandar a declaración de ben de interese cultural (BIC) para a Rapa das Bestas, a fin de evitar así a implantación de novos parques eólicos en Sabucedo e a súa contorna máis próxima.

"Para quen fai os parques un cabalo do monte non vale nunha alegación, é coma unha vaca ou calquera outro animall. Por iso precisamos o BIC, para termos dalgún xeito un parapeto administrativo, dicir que temos un ben de interese cultural inmaterial e que non poden facer o que lles dea a gana", sinalaban desde a asociación a este xornal.