A delegación do Goberno sanciona con multas a solidariedade contra os despexos

O Estado impón multas por 6.000 euros a Stop-Desafiuzamentos, que impulsa unha festa solidaria con 27 Djs para facer fronte ás sancións.

 

A Coruña acollerá este sábado unha festa solidaria cun obxectivo claro: reunir recursos económicos para facer fronte ás multas por un total de 6.000 euros que a Delegación e Subdelegación do goberno español impuxeron á loita contra os despexos. Unhas sancións, indican desde Stop-Desafiuzamentos, coas que “teiman en coaccionarnos para que deixemos de denunciar publicamente a constante vulneración dos dereitos humanos e sociais perpetrada polo goberno do Partido Popular”.

A festa solidaria terá lugar este sábado 4 de outubro no Pub 14! (R/San Vicente de Paul, 11, A Coruña ) e na mesma tomarán parte... 27 Djs!! “Para nós, a vosa solidariedade é a “kriptonita” coa que facer fronte ao Delegado do Goberno e ao seu exército de antidisturbios e artimañas administrativas”, afirman desde Stop-Desafiuzamentos en referencia á veciñanza.

"O vindeiro luns 20 de outubro seis compañeir@s serán xulgad@s na Coruña por acompañar a Elisabeth Sanlés o día do seu desafiuzamento"

"Nin respeta os trámites"

A idea, sinalan desde a plataforma, partiu dun hosteleiro da cidade.”Hai que facer fronte ás multas pola paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey (2.700€), o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés (pendente de xuízo), a participación en mobilizacións convocadas polas familias afectadas polo Parque Orfimático (120€), unha concentración diante da sede do PP cando rexeitaron tramitar a ILP da PAH (1.712€), acudir á concentración convocada polo CSO Palavea contra o seu desaloxo (900€), a contrademanda do Director de Servizos Sociais cando o denunciamos por insultarnos e rexeitar atender a unha usuaria (180€), e a sanción que nos aplicaron mesmo por protestar contra as multas na manifestación realizada no verán de 2013 (150€)”.

“A día de hoxe, e malia a que estamos a recorrer todas as sancións e imos proceder a denunciar estes feitos no Xulgado do Contencioso- Administrativo, a Delegación do Goberno non está a respectar os trámites en curso e apresuráronse a embargarnos xa 1. 020€”.

Ademais, engaden desde a plataforma, “mantémonos alerta diante da recente represión económica a activistas por participaren en desafiuzamentos, xa que o vindeiro luns 20 de outubro seis compañeir@s serán xulgad@s na Coruña por acompañar Elisabeth Sanlés o día do seu desafiuzamento, acusad@s dun delito de “desobediencia”.