O San Cutinocho volve percorrer as rúas de Arzúa na Festa dos Botes

A Festa dos Botes decorre esta fin de semana en Arzúa. (Foto: Festa dos Botes)

Os festexos decorrerán desde esta sexta feira até o domingo, cun amplo programa de actividades.

A mocidade de Arzúa (comarca homónima) está de celebración. Esta fin de semana volve a festa por excelencia da localidade, a Festa dos Botes, un peculiar festexo que suma neste 2024 41 edicións.

E é que, segundo relata a Nós Diario Joaquín Saavedra, integrante do equipo de organización da Festa dos Botes, este evento xurdiu “hai quen di antes da ditadura [franquista], a raíz das ganas da xente moza de festexar e de molestar o que era o cura e a Igrexa. Por iso se utilizan os botes, para facer ruído e para decorar”. Nas primeiras edicións, conta, é probábel que se utilizaran outro tipo de recipientes, como latas de conserva, potas, ou tixolas.

Co remate da ditadura as mozas e os mozos de Arzúa recuperaron a festa e hoxe en día é un referente nas festas de todo o país. “Durante moitos anos foi unha das festas máis importantes dos arredores. A xente máis maior lembra que era un dos festexos máis grandes, supoño que tería tanto éxito porque non había moitas festas na contorna como agora, que cada fin de semana podes escoller entre seis festivais distintos na mesma comarca”, conta Joaquín Saavedra.

Así, “o que máis chama á atención desta festa é, principalmente, a decoración: botes de refresco”, explica Saavedra. “Afástase un pouco da decoración doutras festas, o típico fotocall ou carteis con fotos. Chulísimos todos pero normais. Na Festa dos Botes, como o orzamento non é nin foi nunca moi elevado, tívose que optar polos botes”, aclara.

E para encher Arzúa de botes contan coa colaboración dos bares, que axudan acumulando latas de refresco para que a mocidade as poida utilizar na decoración das rúas. “Fan falta milleiros de botes só para decorar unha das prazas”, relata Saavedra.

Un equipo de mozas que mestura experiencia e renovación busca darlle nesta 41 edición un impulso á festa conservando os seus valores populares, “e darlle á xente nova unha alternativa de ocio que non sexa o de sempre”, mais “mantendo a esencia desta festa”.

Unha festa pagá con santo

Mais na Festa dos Botes a decoración con latas de refresco non é o único “estraño”. Sendo unha festa pagá, destaca a figura do San Cutinocho, figura principal dos festexos e santo que percorrerá as rúas de Arzúa en procesión, como en calquera outra festa patronal do país.

“Ninguén sabe a razón de ser deste santo pero ten sentido que se todas as festas relixiosas teñen un santo, a Festa dos Botes tamén tiña que ter algo propio adaptado á temática da festa”, explica Joaquín Saavedra. “É un símbolo de contracultura”.

“Se a xente cristiá e relixiosa ten os seus santos e os seus símbolos, nós tamén podemos ter un, que é o noso Santo Cutinocho, e procesámoslle a fe do mellor modo que sabemos: con diversión”, conclúe Saavedra.

Ampla programación

Deste esta sexta feira, 13 de setembro, até o domingo, a mocidade de Arzúa conta cun amplo cartel de actividades, así como coa actuación musical de grupos relevantes no panorama actual galego.

Á procesión de San Cutinocho sumaranse o Xantar dos Botes en Ribadiso, o Concurso de Peitadas, Arte Urbán, o Xogo da Moca, xogos infantís, o Lanzamento de Pucheiros ou a festa da escuma.

O pregón da festa correrá a cargo de Nuno Pico, coñecido sobre os escenarios como Grande Amore, “debido ao seu cariño por Arzúa e a súa profunda amizade coa mocidade arzuá”. E a Festa dos Botes contará con actuación destacadas como as de Lontreira, Terbutalina, o dúo de DJ de Cernadas ou Meu Cariño.