14 de febreiro

San Valentín devolve a oportunidade de combater os mitos do amor romántico

Mostra da traballo escolar sobre os mitos do amor romántico que se exhiben no CEIP Viñagrande-Deiro. (Foto: Nós Diario)
Educadoras fan da escola un espazo menos vulnerábel aos mitos.

Rachar co mito do amor romántico é un dos grandes retos pendentes do feminismo, un desafío que expertas en xénero e educación cualifican de "moi difícil" en vista do bombardeo incesante de mensaxes que seguen a idealizar unha única forma de amor: o amor en parella, o amor verdadeiro, romántico, e case sempre heterosexual.

O binarismo de xénero camiña da man desta idea de amor, ríxido e desigual, reproducido unha e outra no cine, na música e na literatura a través de modelos moi limitados que inflúen especialmente na construción da identidade feminina e na forma de nos relacionar con outras persoas.

O do amor romántico é un mito de mitos. Perpetúa a idea da media laranxa, do príncipe azul, da princesa á espera do seu amado, do heroe masculino. Enxalza o namoramento e idealiza o amor eterno, a exclusividade, o matrimonio, os celos. Converte estes límites en proba dunha forma de querer que empobrece a vida das mulleres ao fomentar unha idea de mulleres pasivas dependentes dos homes.

Non é un mito desterrado, asegura Erea Devesa en declaracións a Nós Diario. Como pedagoga, sexóloga e socia da Rede Educativa LGBTIQ+, nas últimas semanas, previas a esta terza feira, día de San Valentín, compartiu con diferentes aulas de secundaria algunha das imaxes máis consolidadas sobre o amor romántico.

A media laranxa

"A min gústame traballar co concepto de red flag -bandeira vermella- para coñecer que ideas, comportamentos ou actitudes están dispostas a pasar ou non". Cada grupo, di, manexa os seus propios referentes, pero tamén adoita funcionar "como unha masa, é habitual que o que opinan uns poucos calle e sexa asumido polo resto".

Devesa destaca o "instauradísimo" que está o mito da media laranxa e a expresión de celos como proba de amor. "Practicamente toda a clase considera que hai unha persoa feita á súa medida e que se queres a alguén é normal querer saber onde está". Unha ferramenta de control, asumida e normalizada, que trasladan aos seus espazos de relación, di, nomeadamente ás redes sociais, onde os mitos tradicionais do amor romántico gozan de versións adaptadas. 

O mito do emparellamento

"A rapazada segue a considerar que ter parella é mellor que non a ter", o que pode conducir a unha situación de dependencia moi daniña, aclara a educadora. "Se unha persoa considera que estar con outra é mellor que estar solteira igual accede a cousas que non son positivas nin para si mesma nin para a parella".

Erea Devesa asegura que entre a rapazada de 14, 15 e 16 anos aínda circulan "mitos como o de que os polos opostos se atraen ou a idea de que se a miña parella me quere cambiará por min. E aquí observei moita confusión, e debatémolo, porque unha cousa é cambiar comportamentos que poden ser malos para nós e outra querer limitar ou mudar a personalidade do outro".

A educadora observa entre o alumnado unha menor conciencia das condutas machistas. "Téñenas naturalizadas e considéranas normais". Unha pista, sinala, da educación e acompañamento que, como adultos, estamos a dar as nosas crianzas e adolescentes.

"Quen ben te quere, en todo caso, farate rir, non chorar"

Desde primeira hora da mañá, o corredor do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova, loce o traballo do alumnado de 6º de primaria sobre os mitos do amor romántico. "Estou afeita a traballar na aula temas de diversidade, identidade de xénero, orientación sexual e machismo", afirma a profesora Beatriz Vila. "Fai moita falta abordar o machismo. Tanto a cativada como as familias veñen a diario con ideas preconcibidas que as limitan á hora de expresarse e relacionarse".

Vila daba por superadas moitas cousas que decidiu traballar coas crianzas. "Na miña clase escóitanse ás veces: se che pega é porque lle gustas. Por iso estivemos revisando algúns ditos como los más reñidos son los mas queridos ou quien bien quiere te hará llorar, que se perpetúan porque lles custou entender que quen te quere, en todo caso, farate rir".