Sanidade activa un "autotest" do coronavirus na web do Sergas

O Sergas pon ao dispor da cidadanía un "autotest" na súa web (Imaxe: sergas.gal)

O portal do Sergas ten ao dispor da cidadanía un “autotest" do coronavirus para poder obter información sobre posíbeis síntomas e resolver dúbidas relacionadas coa COVID-19.

A Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza puxo en marcha un “autotest” do coronavirus na web do Sergas esta segunda feira, 16 de marzo. Nun comunicado emitido por Sanidade explícase que este test interactivo foi elaborado por persoal sanitario e quere proporcionar á poboación “un sistema áxil e inmediato” no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas coa COVID-19.

Sanidade indica que o feito de que o test "personalice as respostas", a través de preguntas concretas, "permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa".

Ademais desta ferramenta continúa activo o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días, segundo resaltou Sanidade, "incrementou a súa demanda asistencial até en 60%".

O test conta con catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden vivir as persoas que o realizan, así como información relacionada coas dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

A primeira pregunta diríxese ás persoas que teñen síntomas e que están preocupadas porque cren que poden deberse ao coronavirus. A segunda entrada corresponde a persoas que se atopan illadas ou confinadas en casa, ofrecendo indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na vivenda.

A terceira entrada informa a que deron positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións para seguir mentres estean confinadas ou no caso de que a súa situación clínica empeore desde que permanecen no domicilio.

Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

O Sergas lembra que este coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que, na maioría dos casos, a infección por esta enfermidade "é similar a un arrefriado común".