A inoculación de 3ª dose ao grupo de 70-79 anos en 'vacinódromos' empezará a mediados deste mes

Unha muller recibe a primeira dose da vacina de AstraZeneca (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O Sergas prevé rematar "en 2 ou 3 semanas" a administración de terceiras doses a maiores de 80 anos

A Consellaría de Sanidade confirmouesta cuarta feira que prevé iniciar a inoculación da terceira dose da vacina contra a Covid a persoas de 70 a 79 anos a mediados deste mes de novembro, e que o fará reabrindo os recintos masivos de vacinación, coñecidos como 'vacinódromos'.

Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios durante un acto no Porto de Vigo, onde tamén ratificou que, desde mediados de novembro, administrarase a dose de reforzo a aquelas persoas que recibiron a vacina de Janssen (dunha única dose).

"Seguimos apostando por eses centros de vacinación masiva. Galiza é a primeira comunidade en porcentaxe de vacinación, grazas aos profesionais, aos cidadáns e a eses recintos", engadiu.

García Comesaña subliñou que o proceso de administración da terceira dose da vacina contra a Covid en maiores de 80 anos "vai ben, segundo o previsto". Respecto diso, e máis aló  "dos primeiros desaxustes", os centros de cabeceira das distintas áreas están a administrar entre 50.000 e 60.000 terceiras doses cada semana, polo que o Sergas espera rematar este proceso "en 2 ou 3 semanas".

Cuestionado acerca da posibilidade de que esa terceira dose se xeneralice a toda a poboación, o conselleiro insistiu en que a Xunta actúa seguindo as "evidencias científicas". Así, cando a Axencia Europea do Medicamento trasladou que podería vacinarse coa dose adicional a toda a poboación, o Sergas optou pola "prudencia" e por "ir paso a paso"; primeiro cos usuarios de residencias, logo con pacientes inmunodeprimidos, logo maiores de 80, aos que lles seguirán os de 70 a 79 anos.

Con respecto á poboación galega que aínda non recibiu a primeira dose da vacina antiCovid, o titular de Sanidade incidiu en que a Administración mantén o labor de localización e contacto para convencer aos escépticos de que se vacinen.

Nese sentido, apuntou que hai un número importante de galegos que non figuran como vacinados porque viven fóra de Galiza (e probabelmente vacináronse noutros lugares), mentres que o Sergas segue contactando con resto para que reciban a dose. Así, a cifra de non vacinados "redúcese semana a semana", lembrou García Comesaña, antes de subliñar que o Sergas está a pór "entre 1.500 e 2.000 primeiras doses" cada semana.

Por outra banda, e a preguntas dos medios, o titular de Sanidade tamén se referiu ao proceso de vacinación contra a gripe entre os usuarios das residencias, que se está "desenvolvendo con normalidade", e destacou a "adherencia importantísima" nesta campaña.

Finalmente, e preguntado polos xornalistas, o conselleiro ratificou que, polo momento, non hai constancia de máis persoas en Galicia contaxiadas coa variante 'delta plus' do coronavirus.