Sanidade desconvoca as 1.403 persoas, pertencentes a colectivos esenciais, que ían ser vacinadas hoxe con AstraZeneca

Vacinación (Foto: Ifevi)

A Consellaría informa que está a reprogramar as citas dalgunhas persoas maiores de 60, debido ao axuste das doses en cada área.

Até o de agora, o número total de vacinas de Astrazeneca administradas en Galiza é de 140.903 doses.

A Xunta suspende a administración das vacinas de Astrazeneca nas persoas menores de 60 anos. Así, na xornada de hoxe desconvocou as 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse hoxe con Astrazeneca. Ademais, o Servizo Galego de Saúde tamén está a reprogramar as citas dalgunhas persoas maiores de 60 anos, debido ao axuste das doses en cadansúa área sanitaria.

As decisións foron adoptadas tras a xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se realizou onte, e na que se acordou suspender a inoculación da vacina elaborada pola farmaceútica británica, nas persoas menores de 60 anos.

Até o de agora, o número total de vacinas de Astrazeneca administradas en Galiza é de 140.903 doses.

O acordo incide naqueles grupos poboacionais que pertencen ás profesións definidas como esencias para a sociedade dentro da Estratexia de Vacinación establecida polo Ministerio de Sanidade, aos que se lles reprogramará as súas citas. Neste senso, en Galiza hoxe estaba prevista a vacinación de docentes e persoal de Educación Infantil e Especial, centros de menores, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou Servizo Marítimo, entre outros.

Por áreas sanitarias a reprogramación afecta 220 persoas na área sanitaria de Coruña-Cee; 161 na área de Lugo, A Mariña e Monforte; 505 na área de Vigo; 400 na área de Santiago-Barbanza e 117 na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. No que atinxe ás areas de Ferrol e Pontevedra-O Salnés, na xornada de hoxe non estaban programadas as vacinacións de colectivos esenciais.

Até o de agora, o número total de vacinas de Astrazeneca administradas en Galiza é de 140.903 doses.