Sanidade fala de “brote controlado” na Mariña mentres aumentan os casos positivos: 19 máis nas últimas horas

Realización do test da Covid-19 (Foto: Europa Press).

A Xunta levantará as restricións na mobilidade en 7 dos concellos do interior desta zona mais mantén as limitacións en aforamentos, apertura de locais nocturnos ou horarios en toda A Mariña. A veciñanza de BUrela non poderá saír do municipio.

Mantéñense as restricións en toda A Mariña en aforamentos, horarios de feche, número máximo de persoas nunha xuntanza ou prohibición de verbenas. Mais hai cambios a respecto da mobilidade. Sete concellos desta área (O Vicedo, Ourol, Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada) recuperarán a “mobilidade total” e a súa veciñanza poderá moverse con liberdade por Galiza.

Noutros seis concellos (Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo) a Xunta permitirá a mobilidade entre eles. E, finalmente, en Burela, os seus habitantes non poderán saír do termo municipal agás naquelas excepcións previstas.

Esta é a decisión anunciada polo conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, após a xuntanza do comité de expertos. A Mariña fica dividida en tres zonas, Un ‘foco quente’ que se cinxe a Burela por ser onde hai unha incidencia acumulada (I.A) de casos de coronavirus “alta”.

Unha segunda, “zona morna”, cunha I.A “importante” e que conforman os concellos costeiros da comarca agás O Vicedo. E unha terceira, “zona fría”, na que están eses 7 municipios que recuperan a mobilidade total.

En calquera desas tres zonas, iso si, mantéñense durante 5 días as restricións en aforamentos, horarios ou reunións.

Estas novas disposicións fixaranse nun Diario Oficial da Galiza (DOG) especial que se publica esta sexta feira e que serán aplicábeis desde as 00:00 horas. 

“Brote controlado”

O conselleiro afirmou que na Mariña o brote está “controlado”, argumentando que non hai risco de “diseminación” da Covid e que o número de persoas hospitalizadas é “baixa”.

Unha afirmación que o conselleiro realiza no día en que o número de casos activos aumenta, segundo informa o Sergas, en 17 e xa suman 182.

En canto a casos positivos rexistrados  nas últimas horas son 19.