Sanidade pública

Sanidade fechará 112 camas hospitalarias na área de Santiago durante o verán

Cuarto dun hospital galego con dúas camas dispoñíbeis para o ingreso de pacientes. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).

O “bloqueo” de camas afecta os servizos con maiores listas de espera.

Entre o 16 de xullo e o 16 de setembro "bloquearanse" na área sanitaria de Santiago-Barbanza un total de 112 camas nos hospitais de Conxo e no Clínico, ás que se engaden as 70 camas fechadas no Hospital Gil Casares, centro que leva meses en obras.

Así o denunciou esta segunda feira a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS, que alerta ademais de que os feches de camas corresponden aos "servizos de maiores listas de espera", como Medicina Interna, Cirurxía Xeral e Dixestiva ou Uroloxía.

Desta maneira, segundo informan desde a asociación, "fecharanse 44 camas da unidade da planta 2ª dereita de Medicina Interna, trasladando as pacientes á unidade de Traumatoloxía, que verá minguadas as camas dispoñíbeis, a pesar de ter unha lista de espera para unha intervención cirúrxica de 1.485 persoas". Ademais, en Cirurxía Xeral e Dixestiva, onde cifran a lista de espera en 1.555 persoas, "a máis avultada de todos os servizos da área sanitaria, bloquéanse 31 camas". Tamén se fecharán, alerta, 6 camas en Uroloxía, "aínda que ten 723 en lista de espera e arrastra unha das máis altas demoras medias: 80 días".

A medida aplicada nesta área sanitaria pola Consellaría de Sanidade leva o nome de "Adecuación do aforo dispoñíbel", o que para a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS "non semella ser axeitada para afrontar a demanda asistencial real, que non só non diminúe, senón que aumenta nesta época, debido ao crecente número de visitantes na zona".

Aumento da demora

A asociación de usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago entende que o persoal sanitario, que padece "en carne propia as consecuencias de traballar en condicións de presión e estrés por falta de medios humanos e materiais axeitados, ten dereito a gozar do descanso anual recoñecido legalmente". Con todo, desde a plataforma "non podemos estar de acordo en que os xestores sanitarios contrapoñan ese dereito ao dereito de atención nos tempos requiridos".

A medida adoptada pola Consellaría de Sanidade, que non contempla a contratación de persoal, "traslada sobre as costas dos pacientes a política de racionamento", o que, para esta asociación, terá como "consecuencia inmediata un aumento na demora na atención".