A sanidade galega, de 'regular' cara 'deficiente', segundo un informe da Fadsp

Sanidade pública

En cinco anos Galiza caeu dous postos en calidade e satisfacción cos servizos sanitarios, valorados nun documento pola Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp).

A Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp) elabora anualmente un informe no que radiografía e toma o pulso aos servizos sanitarios dos diferentes territorios no Estado español. Un documento que se elabora en base a datos concretos, como o gasto sanitario per cápita, número de camas por habitante, duración de listas de agarda, entre outros.

 

Galiza baixa neste último lustro dous postos no taboleiro elaborado por estes colectivos en base a todos estes rexistros. No informe de 2013 era o sexto territorio en calidade de servizos sanitarios e no de 2017 figura como octavo. Sitúase xa no grupo de “servizos sanitarios regulares” e á beira dos territorios que están nos “servizos sanitarios deficientes”.

 

As comunidades con mellor puntuación, e que lideran o grupo das que teñen mellores servizos sanitarios, son Euskadi e Nafarroa, con 90 puntos cada unha, segundo os barenmos da Federación. Galiza ten 76 puntos, a 14 deses territorios mais só a 7 de La Rioja, o territorio coa puntuación máis alta dentro do grupo de “servizos deficientes”.

 

Recortes

 

Desde 2009 os servizos sanitarios públicos sufren unha “agresión continuada” cun proceso de recortes moi graves. “Entre 15.000 e 21.000 millóns de euros menos de orzamentos anuais”, informan estas asociacións de defensa da sanidade pública.

 

Na radiografía que fan da sanidade galega, indican que a Xunta destina perto do 6% do gasto sanitario a contratar con centros privados. O orzamento sanitario por habitante é en Galiza de 1.331 euros. Cantidade inferior aos perto de 1.350 de media no Estado español. Son case 20 euros menos por habitante.

 

O noso rexistro é de 2,49 camas por cada mil habitantes, unha ratio que no Estado español é de  3,4 camas. Outro indicador que se inclúe neste documento é o do gasto farmacéutico, que en Galiza é de 252 euros per cápita. Aquí tamén se inclúe a porcentaxe de xenéricos sobre total de envases e que en Galiza é de 18,6% fronte aos, por exemplo, 23% de Euskadi 20% de Nafarroa ou 25% de Andalucía.

 

Á hora de valorara a satisfacción da cidadanía dos diferentes territorios coa súa sanidade pública,  a galega dá 6,35 (nunha escala de 0 a 10)