Sanidade intervirá os contratos con Ambulancias do Atlántico

Pintadas nunha ambulancia contra o propietario da compañía, Carlos Simón. (Foto: Nós Diario)
Os sindicatos desconvocan as dúas xornadas de paro após o persoal recibir o pago dos salarios de abril

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza-061 confirmou esta terza feira que se iniciaron os trámites para intervir, desde a Administración pública, o servizo de ambulancias de Vigo, Cangas e Moaña (O Morrazo), adxudicado á empresa Ambulancias do Atlántico, e incidiu en que "garante" a prestación deste servizo esencial. Trataríase da primeira vez que a Xunta da Galiza dá o paso para intervir un servizo concesionado a unha empresa, co fin de "garantir o cumprimento de dito servizo". 

Unha situación inédita que decorre tras as denuncias da CIG, CCOO e USO, que alertaron a comezos do mes de abril de problemas como atrasos nos pagamentos das nóminas, falta de liquidez para a reabastecer de combustíbel os vehículos e outras dificultades de subministro, como no caso do oxíxeno medicinal utilizado no tratamento de pacientes durante a súa asistencia e traslado. 

A empresa "entrou en bancarrota" despois de abonar tan só unha parte dos salarios adebedados aos persoal e, segundo a representación sindical, as contas de Ambulancias do Atlántico atópanse "practicamente a cero". Desde o 061 trasladaron que son "conscientes da preocupación" do persoal de Ambulancias do Atlántico, que están a traballar "de maneira responsábel e comprometida", e subliñaron que a intervención pública "está en marcha", aínda que recoñece que é un trámite administrativo "complexo". De feito, a representación sindical mostrárase escéptica a respecto de que a Administración puidera retirarlle o contrato a Ambulancias do Atlántico sen "incorrer nun delito de prevaricación", "consciente" ademais de que Sanidade non pode abonar directamente ao persoal da empresa os cartos retidos.

Ante esta situación "excepcional", aseguraron fontes da fundación pública, están a adoptarse "todas as medidas legalmente previstas" para garantir a prestación deste servizo "esencial" e as condicións laborais do cadro de persoal, composto por unhas 260 traballadoras e traballadores. 

Ambulancias do Atlántico resultou adxudicataria dos contratos para efectuar o transporte sanitario (urxente e programado) nas zonas de Vigo, Cangas e Moaña, e ditos contratos están agora en situación de prórroga. De feito, desde a Administración apuntouse que está en trámite a licitación dun novo contrato. Con todo, e mentres tanto, insistiron fontes sanitarias, a Consellaría de Sanidade garante a prestación do servizo "as 24 horas". 

Desconvocada a folga

Os sindicatos CCOO, CIG e USO suspenderon a folga que estaba convocada para a quinta feira, 2 de maio, e para a sexta feira, 3 de maio,  coa que buscaban denunciar os atrasos e impagos dos seus salarios, entre outros problemas laborais. Fixérono despois de que desde o 061 confirmaran que esta terza feira se ingresaron as nóminas do mes de abril ao persoal da empresa.

Desde a CIG advertiron que a empresa, cuxo responsábel, Carlos Simón, está "desaparecido", debe diñeiro á Seguridade Social, aos provedores de combustíbel, a entidades financeiras, talleres, e ten débedas tamén do aluguer das súas instalacións e outros conceptos. A central sindical nacionalista estima que esa débeda supera o medio millón de euros. 

Óscar Simón García está a ser investigado desde marzo de 2023 polos Mossos d'Esquadra e a Guardia Civil no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalás, coa compañía Egara, por unha suposta alteración da licitación pública en Catalunya.