Sanidade nega "reaccións graves" nas persoas vacinadas co lote investigado de AstraZeneca

Punto de vacinación habilitado esta quinta feira na Cidade da Cultura de Compostela, nunha xornada na que se administrou un milleiro de doses de AstraZeneca (Foto: Arxina).
O conselleiro confirmara esta mañá que a Galiza recibira parte dos viais investigados pola UE.

A Galiza recibiu vacinas procedentes do lote de AstraZeneca que está a ser investigado e que levou a países da Unión Europea como Austria ou Dinamarca a suspenderen temporalmente a súa inoculación.

Confirmouno esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á xuntanza que mantivo o subcomité clínico para avaliar a situación epidemiolóxica de cada concello.

Porén, a Consellaría remitiu este serán un comunicado asegurando que, após contactar coas persoas que recibiran a vacina, non se rexistrou "ningunha reacción grave".

"O lote chegou á Galiza o pasado día 12 de febreiro e administrouse seguindo o Plan Galego de Vacinación que incorpora dous sistemas de seguimento: a trazabilidade que identifica o lote da vacina e a persoa á que se lle administra e o programa de farmacovixilancia estabelecido para este tipo de vacinas, a través do cal se comunican, rexistran e estudan as posibles reaccións adversas, das que se fai seguimento", sostivo o departamento de Sanidade.

O conselleiro xa dixera a primeira hora da mañá que seguirá as recomendacións das autoridades competentes: "Nin a Axencia Española do Medicamento nin a Europea recomendaron inmobilizar o lote ou suspender a vacinación. Non faremos nada diferente do que digan, e, se mudan de criterio, adaptarémonos".

Cómpre lembrar que a Axencia Europea do Medicamento avaliou esta quinta feira a seguridade da vacina de AstraZeneca: "Os beneficios seguen a superar os riscos, e non hai indicios de que os trombos e coágulos sanguíneos sexan un efecto secundario", sostivo o organismo, nun comunicado.

A Xunta, de momento, seguirá a administrar estes viais ás persoas de entre 50 e 55 anos. De feito, na quinta feira celebrouse na Cidade da Cultura de Compostela unha "proba piloto" de vacinación a un milleiro de persoas.