A sanidade padece unha "situación crítica" na Mariña

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)
Denuncian "déficits que se agravan no verán".

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que durante o verán,  e nomeadamente no presente mes de agosto, a comarca sofre "graves deficiencias" na Atención Primaria e Hospitalaria, "a maiores dos déficits que se veñen producindo durante todo o ano", de modo que "xunto co incremento por tres ou por catro na poboación", padecen "menos servizos sanitarios en todos os niveis asistenciais".

"O nivel básico de saúde leva moitos anos xa sufrindo os recortes, pois desde hai xa tempo non se contrata persoal sanitario para atender as persoas desprazadas, cargando con este aumento na presión asistencial as profesionais da zona, o que provoca axendas interminábeis e que superan todas as ratios na atención das doentes, con esperas de até 20 días ou máis para recibir atención nunha consulta", critica a Plataforma Sanitaria da Mariña.

Ademais, engade, esta situación leva a que o nivel hospitalaria "absorba" esas persoas que non reciben atención na Primaria, provocando o "colapso" dos servizos de urxencias.

"Isto tradúcese en horas e horas de espera  para a cidadanía, moito máis alá da lóxica", algo ao que tamén prexudica a medida "inaudita" de "fechar a planta de Medicina Interna" durante o verán nunha comarca que triplica a súa poboación, obrigando a derivar as usuarias até o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). 

Caamaño xustifica os recortes de persoal

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, non elude as cuestións dos recortes de persoal durante o período estival, máis di que son algo "xeneralizado en toda España e Europa", e non só propio da Galiza. Ademais, pese a recoñecer que se trata "dun problema", afirma que "o importante é garantir a asistencia sanitaria a todos os galegos, por enriba de que falte algún efectivo nalgún sitio determinado e nun momento puntual".

Haberá Hospital de Día Oncolóxico no Barbanza

Por outra parte, Gómez Caamaño comprometeu a posta en marcha no Barbanza dun Hospital de Día Oncolóxico no ano 2025. "Esta actuación evitará ás doentes con cancro da comarca o esforzo e as molestias que supoñen os frecuentes desprazamentos a Santiago", explicou.