Sanidade prevé rematar esta semana coa dose de reforzo para as persoas de 40 a 49 anos

Punto de vacinación na Coruña, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan/Europa Press).
Aliás, Pedro Sánchez confía en alcanzar 70% da rapazada de entre 5 e 11 anos coa pauta completa da vacina o vindeiro 8 de abril.

A Consellaría de Sanidade prevé rematar esta semana a inoculación da dose de reforzo contra a Covid-19 aos galegos e galegas de 40 a 49 anos de idade, e está á espera das indicacións do Ministerio de Sanidade para comezar coas persoas de entre 30 e 39.

Así o notificou esta segunda feira o conselleiro, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios con motivo da súa presenza nun acto en Ourense, onde incidiu en que ten o "compromiso" do Goberno estatal de que "vai revisar esta semana esa baixada da idade de 40 para abaixo".

"A Galiza, se todo vai como até o de agora, a finais desta semana terminará de vacinar a década de 40 a 49 anos", afirmou García Comesaña, quen engadiu que o Ministerio "xa ten esta información e mantén o compromiso de abordalo no relatorio de vacinas para logo levalo á Comisión de Saúde Pública".

O responsábel de Sanidade enfatizou en que a Xunta está "en contacto permanente" co ministerio e, neste senso, apuntou: "Cremos que se vai a permitir baixar de 40 anos e seguir vacinando ao ritmo que se está a vacinar nestes intres".

Sobre o proceso de vacinación na Galiza, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, lembrou, en declaracións aos medios nun acto en Silleda, que é o primeiro territorio en administración de dose de reforzo e inoculación da pediátrica a nenos e nenas de 5 a 11 anos.

Así, o mandatario incidiu en que cantos máis vacinados haxa, "menor" presión hospitalaria haberá e "máis" se avanzará na loita contra este virus.

Tamén o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, confiou en alcanzar "70%" de vacinación de menores de entre 5 e 11 anos o vindeiro 7 de febreiro, e a mesma porcentaxe mais coa pauta completa de cara ao 8 de abril.