"A sanidade pública galega funciona", lema da Xunta para recoñecer o traballo do persoal sanitario do plan verán

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta terza feira en Vilagarcía de Arousa (O Salnés). (Foto: Xunta da Galiza)

Rueda considera unha "boa decisión" que a ambulancia medicalizada de Vilagarcía de Arousa (O Salnés) operase en Sanxenxo durante o verán.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou como unha "boa decisión" que a ambulancia de soporte vital avanzado que normalmente opera desde o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), estivese desprazada durante o verán en Sanxenxo.

Tras ser preguntado polos medios de comunicación despois de asistir precisamente na Arousa a un acto de recoñecemento ao persoal sanitario do plan do verán, Rueda destacou a importancia de administrar os “recursos dos que se dispón da mellor maneira posíbel”.

Por iso, segundo dixo, este traslado da ambulancia trátase dunha "decisión técnica", apoiada por sanitarios, co obxectivo de dar a mellor cobertura posíbel. Ademais, reivindicou que a ambulancia xa opera de novo desde Vilagarcía, unha vez pasou a tempada máis alta de turismo en Sanxenxo. "Xa para o verán que vén, aquí e noutras zonas veremos as modificacións que se fan", subliñou.

Con todo, a decisión tomada por Sanidade de desprazar a ambulancia medicalizada ao Salnés foi criticada en non poucas ocasión. Entre elas, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública achacou a norte dunha muller nun restaurante da Illa de Arousa, o pasado 22 de agosto, á tardanza provocada polo traslado do vehículo de emerxencias, cifrada nuns 40 minutos.

Defensa da Sanidade Pública tamén cuestionou o argumento do incremento poboacional esgrimido por Rueda para trasladar a ambulancia. “O Sergas traslada cada verán a ambulancia medicalizada de Vilagarcía (que podería salvar á paciente na Illa de Arousa) a Sanxenxo, alegando o incremento de poboación polo turismo, cando a realidade é que ten 24.302 habitantes menos no período estival”.

Para a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, o traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo “evidencia que a planificación sanitaria dos servizos de ambulancia da Consellaría de Sanidade está condicionada pola política de beneficiar os Concellos presididos polo Partido Popular e á poboación de maior nivel de renda, en lugar de para atender as necesidades de saúde da poboación”. 

Preguntado por que se escolleu Vilagarcía para levar a cabo este acto de recoñecemento, Rueda dixo que podería realizarse en calquera outra porque "en todas se fixo un esforzo especial", pero probablemente nesta zona turística representaba "especialmente" a situación á que se enfrontaban e como se solucionou.

Críticas do Goberno local

A pesar de todo, as críticas do goberno local de Vilagarcía non tardaron en chegar. Nun comunicado, a súa portavoz, Tania García, lamentou que "lonxe de recoñecer o erro" que supón, ao seu xuízo, trasladar a ambulancia a outras zonas, "o PP da Xunta da Galiza segue empeñado en continuar castigando Vilagarcía".

Así, lamentou que Rueda considere unha "boa decisión" a tomada este verán, exixindo ao Executivo galego que "rectifique" e que "non volva retirar o vehículo de soporte vital avanzado do Hospital do Salnés".

A pesar de que o lema elixido pola Xunta da Galiza para homenaxear o persoal sanitario, “A sanidade pública galega funciona”, as protestas de persoal sanitario e de pacientes e usuarias foron unha constante nos últimos meses, con incidencias en numerosos centros de saúde e hospitalarios.

A negativa da Xunta a cubrir as baixas por vacacións deixou en mínimos os servizos sanitarios, entre eles os Puntos de Atención Continuada (PAC), que en moitos casos ficaron todo o verán sen atención vespertina, ou servizos como Pediatría ou de matrona. Noutros casos, e especialmente nas zonas rurais, os recortes da Administración galega levaron ao feche de consultorios de Atención Primaria en comarcas como A Terra Chá, Ortegal o una Terra de Lemos.