Unha escolma do papel

Sanidade de ric@s e pobres

Usuari@s do servizo de urxencias do Hospital de Lugo capturaron imaxes da saturación que sofre o centro por mor dos recortes practicados pola Xunta.

Namentres mantén unha taxa de reposición de 10% e un recorte de 14% en 'recursos humanos' nos orzamentos, coa Lei de Garantías Sanitarias o Sergas vende o sistema público aos centros concertados.
 

Foi en outubro de 2012 cando os hospitais privados fixeron público o seu órdago á Xunta. Polas boas, á maneira dunha oferta, a Asociación de Hospitais Privados da Galiza emitiu un informe, Sanidad Privada en Galicia: importancia y áreas de colaboración con la Administración, onde reclamaban que se estabilizasen os convenios co Sergas "para a redución dos tempos de agarda". Mais a focaxe non estaba colocada na mellora da atención a doentes. Por se houber algunha confusión, o propio documento aclara cal é o obxectivo: que a consellaría de Sanidade "asegure aos nosos centros unha actividade regular predecíbel".

 

Quen rexeita unha operación ou consulta nun centro concertado, previa oferta do Sergas, perde o dereito aos tempos máximos.

 

Chegad@s a este punto, cómpre achegar dous dados: que son derivad@s polo Sergas 47% d@s pacientes atendid@s nos centros Grupo Hospitalario Modelo, Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, G.H. Quirón-USP Santa Teresa, Hospital Nuestra Señora de Fátima, Instituto Policlínico La Rosaleda, Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, Cooperativa Sanitaria de Galicia -Cosaga-, Centro Médico El Carmen, Policlínico Lucense -Polusa-, Hospital Miguel Domínguez, Povisa e Hospital Nuestra Señora de la Esperanza; e que, en total, facturan 740 millóns ao ano. Malia este volume de negocio, a Xunta claudicou perante a 'oferta' e tardou seis meses en aprobar o anteproxecto da Lei de Garantías Sanitarias. En só tres meses máis, o PP pasou o rolo da súa maioría e quitou a lei para adiante no Parlamento, en contra da vontade das forzas políticas con representación e da comunidade sanitaria. A 3 de marzo de 2014 entrou en vigor.

 

"FRAGA, ESTA LOSGA, NON SE TRAGA"

 

"É a mesma lei que a Losga, recupera aquel texto e vulnera a Lei de Saúde da Galiza, que sinala expresamente que a privada sempre será secundaria face a pública". Fala María Xosé Abuín, secretaria xeral da CIG-Saúde, da Lei de Ordenación Sanitaria da Galiza, aproba

da en 2003 e que recibiu unha forte contestación nas rúas con lemas contra o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, por abrir as portas á privatización. E é que a lei que o PP vén de aprobar vincula o dereito á sanidade á alta na seguranza social, de tal maneira que quen non cotice será beneficiari@, mais non usuari@ de pleno dereito. "É unha lei demagóxica porque non se pode dicir que se van garantir os tempos máximos nas listaxes de agarda cando se está a desmantelar o sistema público", acrescenta Abuín. Namentres se estabelecen tempos de non máis de 60 días para as operacións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas, desde a Xunta mantéñense unhas taxas de reposición de 10 por cento do persoal e os hospitais abren só de mañá. 

 

"Cae de caixón que se na pública non somos quen de cumprir uns obxectivos o que hai que facer é buscar as causas. Iso é o que nos venden nos cursos internos, calidade da xestión", explica Jesús Sueiro, médico de Atención Primaria e presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. Neste sentido, recalca que os centros hospitalarios "poderían funcionar ás tardes cando o horario ordinario non sexa suficiente" e quéixase, aliás, da "excesiva mecanización na recitación de pacientes". Defende que as patoloxías crónicas requiran atención en función das necesidades d@ doente, e non "por sistema, dentro dun mes, dentro de seis, dentro dun ano...", pois tal rutina "atasca" os hospitais con revisións que en moitos casos poderían realizarse nos centros de saúde. Con todo, Abuín pon o foco no afastamento entre sanidade e pacientes que trae canda si esta lei, ao poder dispor que as operacións se realicen fóra da área sanitaria de referencia. 

 

CALES SON AS GARANTÍAS SANITARIAS?

 

P

ara alén das taxas de reposición e dos horarios dos hospitais galegos, os orzamentos da Xunta para 2014 incluíron 14 por cento menos no capítulo de recursos humanos. "O que a consellaría está a facer con esta lei é recoñecer unha incapacidade só para contentar a cidadanía", subliña Sueiro. O departamento que dirixe Rocío Mosquera fai pública a súa consciencia de non ser quen de respectar as listaxes de agarda e escolle o vieiro da privatización para solventar este escollo "cando o que fai falla é repensar de arriba a abaixo o sistema sanitario público".

Unha persoa cun xoanete e diñeiro poderá operarse na privada; unha persoa cunha hernia e sen diñeiro terá que agardar na pública.

 

Di Sueiro que a solución do Goberno galego é "pan para hoxe e fame para mañá" e cuestiona que se coloquen á mesma altura doenzas que non teñen a mesma gravidade: "unha persoa cunha hernia discal require atención de maneira máis urxente que outra que ten un xoanete, que só manifestará unha certa molestia e lle apertará o zapato". Eis onde está a trampa, a sanidade de ric@s e pobres. A lei do PP permite que @ doente co xoanete, se ten diñeiro, poida pagar a operación na privada e despois o Sergas reembolsará a factura. Pola contra, @ afectad@ pola hernia, se non ten diñeiro, terá que agardar para ser atendid@. Hai máis. Quen é chamad@ para se operar e lle ofrezan facelo na privada, de o rexeitar, "o seu nome acabará nunha gaveta", anticipa María Xosé Abuín. E Jesús Sueiro confirma este punto: "un paciente meu que se negou a ir a un centro concertado perdeu o dereito dos tempos máximos. Iso é chantaxe, unha actitude case, case delitiva". Son as "garantías sanitarias" que carrexa esta eufemística lei. 

 

Esta reportaxe apareceu no número 88 de Sermos Galiza, publicado o 13 de marzo de 2014.