Saúde

Sanidade urxe a identificar con axilidade as ramas de mpox

O gromo de mpox foi declarado emerxencia sanitaria en toda África. (Foto: Nós Diario)
Saúde Pública acordará esta cuarta feira medidas contra a varíola dos macacos.

O Ministerio de Sanidade reuniu esta terza feira o relatorio de vixilancia epidemiolóxica e alertas, integrado por representantes de todas as comunidades autónomas do Estado español, para analizar a situación da mpox –antes chamado virus da varíola dos macacos– e debater sobre as recomendacións de vixilancia ou prevención, despois da declaración de emerxencia sanitaria internacional por parte da OMS.

Nesta xuntanza, incidiuse na importancia da identificación da rama de cada un dos casos que se están declarando. Destacouse tamén a necesidade de reforzar a comunicación e información ás viaxeiras e aos viaxeiros das zonas afectadas por mpox, sen que isto supoña restricións aos movementos das persoas ou ao control das fronteiras.

Neste sentido, no seo do propio relatorio realizouse unha actualización do protocolo, para incluír no mesmo a recollida de información sobre a rama de cada infección. Tamén se enviarán unha serie de recomendacións á Comisión de Saúde Pública que se reunirá esta cuarta feira para a súa discusión e aprobación.

O Ministerio decidiu na segunda feira, de acordo coa OMS e o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades, que non se implantarán restricións de viaxe nin control de fronteiras, despois de que o Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea declarara como "baixo" o risco de extensión da nova variedade de virus cuxos contaxios aumentan en África.

Por outra parte, Sanidade tamén informou da aparición de catro novos casos da antiga variante nos últimos dez días, o que eleva o dato a un total de 268 no que vai de ano.

Á espera do que se decida esta cuarta feira na xuntanza da Comisión de Saúde Pública, as Consellarías avanzaron a necesidade de vacinar os grupos diana e as persoas que só recibiron unha dose contra a mpox. Nesta liña, algunhas comunidades autónomas xa adiantaron liñas do que será o seu plan para loitar contra a emerxencia sanitaria.

Entre elas, a Galiza recaptará as 549 pacientes que só teñen unha dose, e esta cuarta feira pedirá a intensificación da información sobre esta enfermidade nos lugares que reciben persoas viaxeiras das zonas afectadas.