Sanidade xustifica os sobrecostes de 470 millóns de euros na construción Hospital Álvaro Cunqueiro

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez. (Foto: Europa Press).

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, defendeu esta sexta feira o modelo de construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que xerou un quebranto ás arcas públicas de máis de 470 millóns de euros.

Gómez defendeu a opción elixida pola Xunta da Galiza afirmando que de optar por un modelo 100% público tardaríase “moito máis" en construílo. Neste punto, asegurou que a escolla da fórmula de colaboración pública-privada permitiu rematalo "en menos de 5 anos".

O titular de Sanidade rexeitou as críticas do Consello de Contas da Galiza, que nun informe publicado a cuarta feira asegurou que o modelo de construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo incrementou os costes da actuación en 470 millóns de euros.

O relatorio do Consello de Contas explica que “en termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo”.

O organismo fiscalizador sinala que “a diferenza estimada entre o importe da proxección de pagos de ambas alternativas é de 382.234.537 euros (sen IVE) e de 470.469.422 euros (con IVE), o que supón unha diferenza en termos de valor actual neto (VAN) de 133.439.273 euros e de 165.774.821 euros, respectivamente”.

O estudo afirma  que “a elección da opción de contratación realizouse sen unha análise comparativa previa en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional”.

O conselleiro de Sanidade indicou que “se cadra” de optar pola fórmula pública o Hospital Álvaro Cunqueiro non estaría rematado durante a pandemia e afirmou que “no Cunqueiro salváronse moitísimas vidas".

Camas hospitalarias

"Que pasaría se se optase por un modelo puramente público e cando chegase a pandemia non estivera finalizada a obra do Álvaro Cunqueiro, cantas mortes suporía isto”, preguntouse Gómez, quen significou que “Galiza fíxoo moi ben durante a pandemia”.

O informe elaborado polo Consello de Contas sinala que o número de camas hospitalarias do Álvaro Cunqueiro está moi por baixo das recollidas no proxecto, non significando aumento significativo en relación coas existentes coa anterioridade á súa entrada de funcionamento na área sanitaria de Vigo.

O relatorio explica que “coa construción do novo hospital de Vigo non se logrou alcanzar completamente os obxectivos fixados. Neste sentido, o obxectivo fixado na memoria de xustificación da necesidade do contrato era conseguir 2.000 camas no CHUVI, mentres que o maior número de camas instaladas no período fiscalizado foi de 1.366 camas no ano 2020”.