Sanmartín propón convocar exames para a condución de taxis

María Rozas, Goretti Sanmartín e Ingrid Izquierdo, onte en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A demanda do servizo supera a oferta en Compostela

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, volveu defender esta terza feira, 3 de outubro, a proposta do consistorio municipal de convocar máis exames para que poida haber máis condutores e condutoras de taxi na cidade e que, ao mesmo tempo, se amplíen as licenzas.  

En declaracións aos medios após manter un encontro coa consulesa de Cuba na capital galega, Ingrid Izquierdo, Sanmartín explicou que coa proposta de realizar máis exames para aumentar o número de condutores de taxi "haberá máis persoas con posibilidade de acceder a máis quendas" e, deste modo, "ter un horario de taxi cuberto durante máis días". 

Outra das vías propostas, e que os taxistas rexeitan, é outorgar máis licenzas. Neste sentido, a rexedora insistiu en que o ven "necesario", aínda que sinalou que farán un informe ao respecto para saber "cantas serían precisas" e xustificalo. 

Solicitude formal

Esta mesma segunda feira, 2 de outubro, na xuntanza mantida entre o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e a alcaldesa compostelá, o mandatario avanzaba a intención da Administración galega de ampliar o número de licenzas de taxis que ten Compostela.

Con esta finalidade, o Concello comprometeuse a facer a solicitude formal, un requisito indispensábel para poder adoptar esta medida que se fará debido a que a demanda supera a oferta, a pesar de que as ratios por habitante xa están por riba do que indica a lei. Da mesma maneira, Sanmartín asegurou esta terza feira que antes de facer entrega desa solicitude, o Goberno local manterá unha xuntanza co sector para que coñezan as propostas. 

Con todo, a alcaldesa afirmou que é "evidente" que se debe solucionar unha cuestión que demandan "desde diferentes sectores e o conxunto da poboación": "Que haxa máis taxis en funcionamento" na capital.