O Camiño segue a bater récords: Santiago recibe a peregrina 100.000 máis temperá, unha muller peruana residente en Florida

Goretti Sanmartín e Alfonso Rueda recibiron a peregrina número 100.000, Milagros Miní Bailey. (Foto: David Cabezón / Xunta)
Goretti Sanmartín chama a apostar por un "modelo de turismo consciente" e "responsábel".

O Camiño de Santiago continúa batendo récords e proba diso é que a peregrina número 100.000 chegou á capital galega neste 2024 da forma máis temperá na historia, un 13 de maio. En concreto, trátase dunha muller peruana de 60 anos, Milagros Miní Bailey, residente en Florida (Estados Unidos), que fixo co seu marido o roteiro portugués pola costa desde Porto. De feito, o Camiño xa conseguira en 2023 o seu máximo histórico de peregrinos, con máis de 446.000 Compostelas outorgadas ao longo do ano. Unha cifra que continúa á alza no que vai de 2024, xa que o ano pasado o dato dos 100.000 camiñantes alcanzouse un 22 de maio, pero agora adiántase en nove días.

Nun acto desde a Oficina do Peregrino, Milagros Miní deu as grazas por este recoñecemento que definiu como unha "sorpresa moi grande". Asegura que tanto ela como o seu marido están "contentos" de chegar a Compostela, no que cualifica de "experiencia moi bonita". "Todo saíu ben, á parte da choiva", dixo entre risos. Relata que o seu marido, co que ten dous fillos, levaba planeando a viaxe desde hai tres anos e medio. Valora ter a sorte de poder facer o roteiro xacobeo e vivir esta experiencia: "Se a poden facer, fágana".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou que se alcanzan xa "mellores cifras que o ano pasado" de camiñantes, debido a que "non é nin sequera 15 de maio" e xa se rexistran 100.000 peregrinos. "Non imos obsesionarnos coas cifras", agregou. Remarca que agora comezan "os meses fortes do Camiño", polo que avoga por que cada un destes camiñantes se "sinta único" e leve un recordo "moi especial".

Así, deu a benvida a esta peregrina peruana que vive nos Estados Unidos, "un expoñente de tantísima xente" que chega a Compostela. Afirmou que é a primeira vez da muller na capital da Galiza, pero augura que "non será a única". Tras ofrecer colaboración a Igrexa e Concello de Santiago para "coidar entre todos" do roteiro xacobeo, Rueda afirmou: "Temos algo precioso entre mans que creo que debemos coidar".

Sanmartín chama á reflexión

Previamente tomou a palabra a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen mostrou o "pracer" de recibir a esta peregrina despois de vivir "unha experiencia única", o que mostra que Compostela "continúa sendo un lugar especial".

Mais tamén reflexionou a respecto de que esta é a peregrina 100.000, pero á cidade achéganse moitos máis turistas a través de diferentes medios de transporte, aos que "hai que recibir de forma hospitalaria". Pero fai un chamamento a "pensar conxuntamente e reflexionar que o Camiño ten que ser de acollida" e debe facerse mediante un "modelo de turismo consciente" e "responsábel", coidando o patrimonio e "mantendo esa esencia".

Por este motivo, apela á "colaboración entre todas as administracións" para que a xente non se "termine marchando" e sigan acolléndose os peregrinos en Santiago "mantendo a súa esencia".