Santiago rexistrou 17 agresións sexuais no primeiro semestre

O Ministerio de Interior vén de publicar o balance de criminalidade de xaneiro a xuño de 2017 e os datos referidos a Santiago de Compostela revelan que se denunciaron 17 agresións sexuais nese período, un 143% máis que no ano anterior. A eses datos hai que sumarlle o da moza que o 24 de xullo foi acoitelada pola súa ex-parella no aparcadoiro de San Clemente. En Galiza, no que vai de ano, denunciáronse 250 delitos contra a liberdade sexual.

 

Para Interior, os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual son o acto sexual no desexado; intento de conseguir un acto sexual, o contacto ou comunicación con atención sexual non desexada, sen consentimento válido ou con consentimento obtido mediante intimidación, forza, fraude, coacción, ameazas, engano, uso de drogas, alcohol ou mediante o abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade.

 

Ante as ofensas sexuais nas festas, un colectivo de mozas acordou autoorganizarse en Santiago de Compostela coa denominación de Manada "para transformar o impulso que sae de cada unha de nós cando presenciamos unha agresión nun gran berro colectivo, queremos que a autodefensa deixe de ser individual para transformarse en autodefensa feminista consciente, colectiva e en rede". Así, nalgunhas festas da cidade poden verse con brazaletes identificadores de cor morada para seguiren un protocolo de actuación e de información en alerta constante perante as agresións machistas que se producen.

Manada define as agresións machistas como "que non acepte a negativa a bailar, que te rolde facéndote sentir incómoda, que te persiga ou acose, que che toque o cu sen consentimento, que te toque a propósito e sen consentimento, que te insulte, que te vixíe, que te controle, que che monte unha escena de ciúmes, que sexa un baboso, que sexa agresivo ou violento, que solte piropos facéndote sentir mal". "Agresións machistas hai moitas e diversas, sufrímolas a cotío, e non só os descoñecidos nos agriden: tamén os amigos e parellas o poden facer", expoñen.
 

Ao final, explican, "trátase de facer o que facemos sempre, apoiarnos entre nós e acompañar a quen o precise ante unha agresión pero de xeito anunciado e público, para facer visíbel e que é un labor e unha responsabilidade social de todas plantarlle cara á violencia machista".

Programa de festas


Nos consellos para gozar das Festas do Apóstolo, incluíronse puntos contra a violencia de xénero. “Nada xustifica unha agresión machista; vistamos como vistamos, liguemos como liguemos temos dereito a ser e gozar en igualdade e sen ser acosadas”, recollía o programa de festas. “Non é non, non caben interpretacións. Se che din non, é o momento de parar”, era outro dos puntos destinados a concienciar e a alertar ante as agresións machistas.

Centro de Información ás Mulleres


Ademais, Santiago de Compostela conta co Centro de Información ás Mulleres (CIM), un servizo que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e recursos encamiñados á consecución da igualdade das mulleres.
 

Entre os principios de actuación deste servizo están o anonimato na identidade das usuarias, agás decisión propia, o respecto á vontade das usuarias na busca das posíbeis solucións e alternativas ás consultas expostas e a gratuidade de todos os servizos que se prestan atendendo á vocación de servizo público.

 

Este Centro de Información ás Mulleres está situado en Galeras, 46 baixo (981 542 465). O teléfono 016 é o número de atención ás vítimas de malos tratos por violencia de xénero que ofrece atención gratuíta e profesional. As persoas con discapacidade auditiva e de fala poden comunicarse no teléfono de texto 900 116 016.

 

Plan de Igualdade

 

O Concello de Santiago está a elaborar, coa participación de todos os grupos municipais e de diversos colectivos, o IV Plan de Igualdade que inclúe unha liña destinada á prevención, apoio ás mulleres e eliminación da violencia machista.
 

Segundo recolle este plan, as agresións machistas atentan contra os dereitos fundamentais das mulleres e seu dereito a vivir sen violencias. “Por este motivo non é unha cuestión privada, senón un grave problema que afecta a toda a sociedade”, expón o documento. A característica principal da violencia de xénero é a súa invisibilidade, por ela faise máis relevante a resposta e o rexeitamento social. "Faise preciso atender os casos de mulleres que sofren violencia por razón de xénero e concienciar, informar e facer reflexionar a cidadanía compostelá que queremos un concello é un espazo libre de violencia", sinala.
 

Entre as medidas que prevé figuran a posta en marcha do Observatorio de Igualdade, unha campaña de sensibilización e prevención das violencias machistas nos espazos públicos, un programa dirixido á hostalaría e comercio para a creación dunha rede de espazos referentes no concello contra as violencias machistas e un plan específico para os centros de ensino.