Adquirir Santo Estevo do Ermo para preservar na Mariña un espazo privilexiado en paisaxe, patrimonio e historia

Imaxe da parcela que se querte adquiri
A Fundación Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo poñen en marcha unha iniciativa para “adquirir, recuperar, estudar e protexer” unha parcela situada ao carón da Fraga do Santo Estevo do Ermo – Augas Santas, no Concello de Barreiros, na comarca da Mariña

A Fundación Eira da Xoana (da asociación ecoloxista Adega), Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo poñen en marcha unha iniciativa para “adquirir, recuperar, estudar e protexer” unha parcela situada ao carón da Fraga do Santo Estevo do Ermo – Augas Santas, no Concello de Barreiros, na comarca da Mariña.

Nesta parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, as do seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas (“ermitañas”) que antigamente habitaron nesta máxica fraga de Augas Santas.

“A parcela, hoxe un eucaliptal, está en venda e precisamos da vosa colaboración e axuda económica para mercala”, indican os promotores da iniciativa.

Santo Estevo do Ermo ou Augas Santas é unha "pequena fraga no medio do inmenso eucaliptal no que converteron a Mariña". Esta pequena fragaé un espazo moi ben conservado grazas ao empeño e traballo dun grupo de veciñas e veciños asociados na Irmandade de Augas Santas.

“Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas, cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, incluíndo fentos pouco comúns, ameazados e vulnerábeis”.

Dúas fontes milagreiras

O lugar está atravesado por un río, que forma unha fermosa fervenza ou revertedoiro. Neste lugar, tamén coñecido como Augas Santas, hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que dende tempos inmemoriais acoden centos  de persoas para curar diversos males. Tamén hai unha rocha, onde están gravadas as pegadas do cabalo do apóstolo Santiago, e unha capela «nova» ao redor da cal se celebraron e celebran importantes romarías.

“A parcela que pretendemos comprar na actualidade é un eucaliptal, pero neste sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo. Igrexa que posiblemente teña unha cronoloxía moi antiga e que puido cristianizar un lugar xa anteriormente sagrado”.

Nesta parcela, segundo a documentación que se conserva, estaban as cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe medieval. Nun extremo da parcela atópase tamén un “cuncheiro”, onde se teñen atopado cunchas, ósos e cerámica medieval.

“A nosa pretensión é mercar a finca, eliminando os eucaliptos, recuperar a fraga, facer estudos arqueolóxicos e valorar a posibilidade de realizar unha escavación.Para mercala, comezar os traballos de recuperación e realizar unha primeira prospección arqueolóxica precisamos 6000 euros”. A compra realizaríase a nome da Fundación Eira. A Eira da Xoana está constituída como fundación e recoñecida como de interese galego.

As doazóns a esta Fundación Eira teñen dereito a dedución na cota do IRPF (para cantidades que non superen os 250 euros a dedución é do 80% para persoas físicas, do 40% para empresas). “Para poder beneficiarse da dedución, ao realizar o ingreso da doazón hai que poñer o nome de quen a fai e no concepto poñer 'doazón'; despois, hai que enviar o xustificante e os datos fiscais (nome e apelidos, número do documento de identidade e localidade do domicilio) á Fundación (fundacion@eiradaxoana.gal), ou no formulario do final. Actualizaremos periodicamente na páxina web da Fundación Eira a listaxe de achegas coa identidade das persoas ou entidades doantes se así o especifican no formulario de doazón”.

A conta da Fundación Eira é ES11 2080 5034 6130 4000 7939 Para máis información, no teléfono 659 68 33 84