Máis

Santuarios e viñedos nun mesmo roteiro

Puntos destacados do roteiro. (Mapa: Nós Diario)
Entre as experiencias propostas por Turismo de Galiza para visitar as contornas sacras e místicas da Galiza destaca a ruta dos Santuarios e Viñedos, que propón un percorrido ao longo de 124 km de mosteiros, paraxes naturais e fortalezas desde o municipio de Esgos até O Bolo. Son nove os puntos principais do roteiro que tamén decorre por parte da Ribeira Sacra.

Ao longo dos séculos, Galiza foi un lugar cun alto compoñente místico e espiritual. Deste gusto polo místico, xorde a Ruta dos Santuarios e dos Viñedos como unha forma de unir tradición oral, arte e cultura coa importancia das actividades vinícolas, tamén de orixes milenarias; en concreto, hai constancia de produción de viño desde o século III. 

Neste percorrido recomendado por Turismo de Galiza son necesarias dúas xornadas de turismo para simplificar os aproximadamente 46 santuarios de peregrinación existentes da Galiza e as máis de 33.200 hectáreas de viñedos presentes no país segundo a Organización Interprofesional do Viño.

O castelo de Castro Caldelas e os mosteiros de Montederramo e de Esgos son puntos destacados desta visita

O mosteiro na rocha

O traxecto comeza en Esgos (comarca de Ourense) no que, a pouca distancia do municipio -pouco menos de oito minutos en coche-, atópase a primeira pegada do cristianismo galego no mosteiro de San Pedro de Rochas, declarado Monumento Histórico-Artístico. Trátase dun templo escavado en pedra viva, isto é, sen labrar e construído directamente na rocha. No seu interior garda os restos do único exemplar do mapamundi dos Beatos, unha xoia da cartografía da época románica única en Europa.

Entroncando co segundo motivo da viaxe, é posíbel visitar o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, situado no edificio prioral que forma parte do conxunto de San Pedro de Rochas no que se debullan os segredos da vida monacal e do viño Ribeira Sacra. Para rematar esta parte do camiño pódese percorrer o Camiño Real de San Pedro, un conxunto de antigas corredoiras que transcorren entre unha frondosa vexetación autóctona até retornar a Esgos. 

Montederramo

A 20 minutos está o seguinte alto na ruta nun lugar protexido por montañas elevadas como o monte Meda e a Serra de San Mamede, que é Montederramo (Terra de Caldelas). Nestas terras localízase o antigo mosteiro de Santa María, fundado na primeira metade do século XII. Da súa arquitectura medieval soamente queda un arco, xa que foi totalmente renovada a partir do século XVI. De entre as súas particularidades, a máis curiosa é a lenda da súa construción, pois dise que o edificio foi construído por un frade da serra de San Mamede coa única axuda de dous corzos que lle ían levando as pedras.

Precisamente é a estatua deste monxe a que custodia a entrada do templo. Unha oportunidade de coñecer todos os recunchos deste conxunto relixioso son as visitas guiadas que se facilitan a través da Oficina de Turismo, e que dan a oportunidade de dar con dúas das maiores xoias do mosteiro: o claustro procesional e o claustro da hospedaría. Tamén se pode completar a visita percorrendo o bosque de bidueiros de Montederramo, que conta con rutas de sendeirismo.

Castro Caldelas

No alto do Castro Caldelas, onde o tempo parece deterse, érguese impoñente o seu castelo, gardián de séculos de historia e lendas. Cóntase que nesta fortaleza vivía un poderoso conde, dono de terras e riquezas, que tiña tres fillas fermosas. Un día, chegou unha embaixada dun nobre conde de terras afastadas, pedindo a man dunha das rapazas. Ante semellante proposta, o Señor do Castro preguntou: "Cal delas?". E así foi como aquel lugar comezou a ser coñecido como Caldelas, se ben a realidade do topónimo refírese ás augas quentes. Este relato, conservado na memoria popular e recollido por Vicente Risco, non fai máis que engadir unha capa de misterio e maxia ao que xa é unha terra chea de historia.

Hoxe, percorrer as rúas de Castro Caldelas é revivir este e outros contos que se entrelazan coas pedras das súas rúas e dos seus muros. A ruta neste punto leva a persoa visitante ao santuario dos Remedios, que se ergue na praza da vila, onde estaba a antiga ermida do Prado. Alí, no templo do século XVI, atopamos o Museo de Arte Sacra. E, finalmente, chegamos ao castelo, mandado construír hai máis de 600 anos polo señor de Castro, que gañou estas terras loitando xunto ao rei alcumado o Xusticeiro. Os seus robustos muros son unha invitación a explorar o pasado, permitindo que a nosa imaxinación recree aqueles tempos nos que a vida fluía dentro destas fortalezas. No museo etnográfico que hoxe alberga, as rochas, teares de liño e apeiros de labranza atopados durante as reformas lévannos por un intre ao Medievo.

A Pobra de Trives

A viaxe continúa na Pobra de Trives, onde está a ponte romana do río Bibei que data da época do emperador Traxano.  Trátase dunha impoñente obra de enxeñaría romana que salva un desnivel de máis de 20 metros sobre o río e que continúa operativa a día de hoxe. Ademais, Trives é o lugar perfecto para facer unha sobremesa e probar a bica manteigada, sobremesa artesanal elaborada a base de améndoas e que resulta moi típica da comarca. Xa baixando cara a Sobrado, pode visitarse en Maceda de Trives (Manzaneda, na toponimia oficial) o castiñeiro de Pumbariño, unha árbore milenaria que vive en pleno souto de Rozavales.

Segundo día: O Bolo

No segundo día de turismo, o municipio do Bolo agárdanos para pasar a xornada no santuario das Ermidas, unha impresionante construción situada baixo unha elevada rocha aos pés do río Bibei e que, encaixada entre socalcos, lembra os ermitáns que buscaban a soidade neste lugar tan remoto. O actual santuario, escavado directamente na rocha e construído sobre a antiga ermida, posúe como unha das súas peculiaridades a imaxe da Virxe, que se atopa no centro do altar principal e está custodiada por varios anxos de prata que bailan e fan soar campaíñas.

Durante a Semana Santa, son moitas persoas as que acoden aquí para seguir en procesión o vía crucis, desde o santuario até a parte alta da vila, evocando a ascensión ao Monte Calvario. Asemade, é tradición completar as romarías cunha ración de polbo á feira e viño da Denominación de Orixe Valdeorras das adegas da zona. 

Sen saír da comarca, o castelo do Bolo, do século XII e propiedade dos condes de Lemos, é tamén un lugar de especial interese tanto por si mesmo como polo feito de que tivo durante o tempo múltiples funcións. Semiderrubado tras as Revoltas Irmandiñas, foi utilizado polos veciños como escola, cárcere e mesmo como campo da festa.