Sarria revírase contra as touradas

Centos de persoas maniféstanse polas rúas da vila contra a corrida de touros organizada e subvencionada desde o Concello

 

"Cos cartos das subordinadas, pagan as touradas", berraron arredor de 300 persoas durante a manifestación que percorreu este domingo as rúas de Sarria. Convocada pola Plataforma Sarria Libre de Touradas, a veciñanza da vila rexeitou este espectáculo organizado e subvencionado polo Concello. 

A mobilización partiu da Praza da Vila e percorreu as rúas até a praza móbil instalada pola administración local. Un cordón de axentes da Garda Civil franqueou os accesos á mesma en cuxo interior se atopaban o rexedor sarrián e o concelleiro de cultura entre outros membros da corporación municipal. Pouco máis dunhas ducias de veciñ@s participaron da tourada, embora "desde a alcaldía agasallaran centos de entradas entre a veciñanza" aseguraron desde a Plataforma cidadá en declaracións a Sermos Galiza. 

"Máis empregos e menos toureiros", corearon @s manifestantes para denunciaren o uso de fondos públicos para financiar esta práctica "cruenta e anacrónica"

"Fóra, fóra a paletada española" ou "hai que torturar ao Partido Popular" foron algunhas das consignas coreadas durante o protesto. Entre @s organizacións que apoiaron a mobilización atopábanse Galiza Nova, o centro social Madia Leva!, Libera e Galiza Mellor sen Touradas. 

Aliás, @s deputad@s do Bloque Ana Pontón e Cosme Pombo amosaron o seu rexeitamento a esta "tortura animal" que "nada ten a ver coa cultura do noso país", afirma o manifesto ao que se deu leitura ao remate da manifestación. 

Esta terza feira, o pleno do Parlamento galego debaterá --a proposta do BNG-- a abolición desta práctica "cruenta e anacrónica", aseguran @s nacionalistas. Porén, todo apunta a que o grupo popular empregará a súa maioría absoluta para manter o carácter excepcional das touradas fronte aquelas prácticas que si son consideradas contrarias aos dereitos dos animais. 

No noso país, este tipo de espectáculos son desenvolvidos na Coruña e Pontevedra. En todos eles, o PP emprega fondos institucionais para os subvencionar.