De cara a unha greve indefinida

O sector das ambulancias convoca paros para o próximo mes

Persoal de ambulancias nunha manifestación en Vigo

Após rachar as negociacións coas empresas que se negaban a renovar convenio colectivo, caducado hai tres anos, o sector sanitario convoca paros alternos para o mes de febreiro e greve indefinida a partir do 20 de marzo

As convocatorias alternas terán lugar en xornadas dos meses de febreiro e marzo. Concretamente da quinta feira 8 á segunda feira 11, da segunda feira 18 ao domingo 24 en febreiro e da segunda feira 4 á segunda feira 11 en marzo. A folga, de caracter xeral para todas as areas sanitarias, será " definitivamente indefinida a partir do 20 de marzo se non se chega a ningún tipo de solución". O obxectivo é a busca dun "convenio digno e servizo público de calidade", conta a Sermos Galiza Nacho Pavón, delegado sindical da CIG.

 

Os dous servizos de ambulancias que dependen do Sergas, o 061 (urxencias) e servizo programado (trazados hospitalarios, altas ou tratamentos) levan sen convenio colectivo dende que o último caducara no 2015. A "baixa dotación económica" afectou por un lado as condicións económicas dos traballadores e traballadoras do sector e por outro a prestación do servizo (uniformes, limpeza e desinfeción), o cal, din,  "está repercutindo nos usuarios e usuarias".

 

Dende o sector fan responsábeis da situación as empresas "que se negan a asinar o convenio colectivo e racharon as negociacións o 11 deste mes ao volveren á súa proposta inicial de rebaixar un 10 o salario, algo absolutamente inasumíbel" e a Administración, quen "a sabendas de que o que estaba pagando era insuficiente continuaron cun peor servizo, entrando en conflito cos traballadores e traballadoras". No concurso do 06, até un 86% de toda a dotación estaba destinada a salarios, en caso de cumplirse os establecidos por convenios. 

 

A greve será desconvocada no momento en que houbera "un convenio asinado" e "garantías de que os seguintes concursos xa virán perfectamente dotados".