O sector pesqueiro clama contra a eólica mariña: "O noso mar non será vendido en poxa"

Concentración en Cangas contra a eólica mariña (Foto: Nós Diario).
Centos de pescadores e pescadoras concentráronse este sábado ante a lonxa de Cangas (O Morrazo) en contra dos proxectos de eólica mariña que se prevén levar a cabo nas costas galegas.

Centos de pescadores e pescadoras concentráronse este sábado ante a lonxa de Cangas (O Morrazo) en contra dos proxectos de eólica mariña que se prevén levar a cabo nas costas galegas. "A pesca e o noso mar non serán vendidos en poxa! Goberne quen goberne, os mares non se venden", clamaron.

A protesta apoiada polos pósitos da Galiza contou coa presenza do presidente das confrarías estatais e patrón maior de Burela (A Mariña), Basilio Otero, e o presidente das confrarías galegas e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, así como coa do portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca, Torcuato Teixeira, ademais de mariñeiros e mariñeiras chegadas de Asturias.

Así, no manifesto en defensa do sector pesqueiro lido este sábado chamouse a plantar cara "fronte á cobiza dos Repsol, Naturgy, Iberdrola ou Endesas" e á "pasividade e mesmo colaboración dalgunhas Administracións, como o Goberno español e a Xunta da Galiza, cos promotores da eólica mariña".

Tras deixar claro que están a favor da descarbonización, piden que as plataformas eólicas se instalen fóra dos caladoiros de pesca, pois estes proxectos son "incompatíbeis" co mantemento da biodiversidade e dos ecosistemas mariños.

Alertan de impactos de contaminación acústica para as aves, así como cambios na rapidez e dirección das ondas con incidencia na biodiversidade, polo que apelan ao "principio de precaución". "Os danos que se poden ocasionar ao ecosistema poden ser irreversíbeis", avisan.

Apoio de Ana Miranda

Nesta protesta tamén participou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen rexeitou a instalación destes muíños de vento mariños e mostrou a súa defensa do sector pesqueiro "ameazado polo espolio eólico".

 "Estamos en Cangas para defender o sector pesqueiro e marisqueiro da Galiza que está sendo ameazado por este espolio eólico mariño que queren facer os Gobernos e que nós vimos denunciando desde hai moitos meses", subliñou a cabeza de listaxe do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo.

Ademais de Ana Miranda, participou unha nutrida representación de cargos nacionalistas nas distintas institucións, como as deputadas no Parlamento da Galiza, Rosana Pérez e Carmela González, o deputado Paulo Ríos, as alcaldesas de Cangas e Moaña, Araceli Xestido e Leticia Santos, así como os membros da candidatura ás eleccións europeas Bieito Lobeira e Kevin González.