Seguen a medrar na Galiza os casos activos e os contaxios

Imaxe de arquivo de doutoras tratando a unha persoa por Covid-19. (Foto: Patricio Murphy / ZUMA Wire / Dpa)

Por quinto día consecutivo aumentan os contaxios aínda que a presión hospitalaria descende lixeiramente, con tres hospitalizados menos, así como tamén a taxa de positividade.

Os casos activos na Galiza continúan aumentando, 102 nas últimas 24 horas, e xa son 1.179. En relación aos novos contaxios continúan por encima do centenar, son 136. Con todo, a presión hospitalaria descende lixeiramente, con 46 hospitalizados -tres menos-, así como a taxa de positividade, nun 4,16%.

Se poñemos en perspectiva este datos facilitados este domingo pola Consellaría de Sanidade, nos últimos sete días, os casos activos aumentaron en 460, posto que o pasado domingo, 7 de novembro, rexistráronse 719 infeccións activas.

Neste período tamén se incrementaron os contaxios diarios, que entón non superaban o centenar -73- e a taxa de positividade dobra esta xornada a marcada fai sete días, 2,81%. Con todo, a presión hospitalaria é o indicador cunha menor suba, ao ter sete pacientes máis ingresados este domingo.

Presión hospitalaria

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende lixeiramente na da Coruña e Cee, que conta con dous pacientes covid en UCI -un menos- e rexistra 12 noutras unidades -sen cambios-; na de Ourense, con tres en críticos -sen cambios- e 11 en planta -dúas menos-; na de Vigo, que xa non conta con hospitalizados en UCI, mais continúa con cinco pacientes en planta; e na de Santiago, que mantén un hospitalizado en UCI mais xa non conta con ingresados en planta.

Aumenta a presión, con todo, nas áreas de Ferrol, con tres pacientes en críticos -sen cambios-, mais cinco en planta -un máis--; e na de Pontevedra e O Salnés, que volve ter pacientes covid, concretamente un en unidades convencionais.

O distrito de Lugo é o único que se mantén sen cambios, con un hospitalizado en UCI e dous noutras unidades.

Aumento de casos activos

Os casos activos de Covid-19 aumentan por décimo cuarta xornada consecutiva na Galiza e ascenden a 1.179, ou sexa 102 casos máis que a xornada anterior ao haber de novo máis contaxios (136) que altas (34).

En concreto, as infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias galegas, coa Vigo á cabeza (+22), seguida de perto pola da Coruña e Cee (+21), Lugo e Santiago (+18), Ourense (+16), Pontevedra e O Salnés e Ferrol (+8).

Neste caso, lidera a área da Coruña e Cee, con 298 casos activos; seguida por Ourense, con 287; Vigo, con 182; Lugo, con 119; Santiago e Barbanza, con 103; e Ferrol e Pontevedra e O Salnés, con 95 cada unha.

A taxa a 14 días, daquela, é de 36,90 por 100.000 habitantes -a xornada anterior estaba en 34,05-, mentres que a media estatal ascende a 71,50.

Escalada de novos contaxios

Por quinta xornada consecutiva, Galiza rexistra máis dun centenar de novos contaxios diarios, que este domingo ascenden a 136, dous máis que o sábado.

Do total de contaxios rexistrados nesta xornada, 31 correspóndense á área da Coruña e Cee, 29 á de Vigo, 23 ás de Santiago e Barbanza e á de Ourense, cada unha, 21 á de Lugo, e 11 ás de Pontevedra e O Salnés e Ferrol, tamén cada unha.

Desta maneira, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 184.230, das que 43.556 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.962 á de Vigo; 27.204, á de Santiago e Barbanza; 22.156, á de Ourense; 21.601, á de Pontevedra e O Salnés; 20.126, á de Lugo; e 11.761, á de Ferrol.

Sen persoas falecidas desde a terza feira

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza mantéñense en 2.655, ao non notificar desde a pasada terza feira a Consellería de Sanidade ningunha vítima.

Pola súa banda, 180.566 persoas diagnosticadas deste coronavirus curáronse no conxunto do país desde o inicio desta crise sanitaria, que representan 34 máis que as contabilizadas até o día anterior.