Segunda sentenza na Galiza que amplía a 22 semanas, igual á nai, o permiso de paternidade dun empregado público

(Foto: Nós Diario)

Un xulgado de Vigo acolle a doutrina fixada polo TSXG hai case un ano e a CIG urxe á Xunta modificar a normativa para cumprila

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo emitiu a segunda sentenza que recoñece a un traballador público autonómico -profesor, neste caso- a ampliación do seu permiso de paternidade por outras seis semanas, até un total de 22, para igualalas ás da nai.

Trátase da segunda resolución emitida neste sentido na Galiza, despois de que en xuño de 2023 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) sentase doutrina respecto diso e concedese as 22 semanas a outro empregado público. A Xunta avanzou entón que recorrería ante o Tribunal Supremo.

A nova sentenza, do xulgado de Vigo e con data de 7 de maio de 2024, chega despois de que un docente, de Educación Secundaria, solicitase a ampliación do permiso por outras seis semanas -de 16 a 22-, algo que lle foi denegado por parte da Consellaría de Educación.

O xuíz segue así a doutrina fixada en xuño de 2023 polo TSXG, que afirmou que había que conceder esas seis semanas a maiores e que o artigo 124.1 da lei de emprego público de Galiza era contrario a unha directiva europea do ano 2019 sobre conciliación.

Ademais, o TSXG tamén consideraba que o mencionado precepto da lei galega de emprego público contravén o artigo 14 da constitución, así como a Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Tras esta segunda sentenza, que é firme e contra a cal xa non cabe ningún recurso, a CIG emitiu un comunicado no que insta á Consellaría de Educación a aprobar "unha normativa para poder aplicar ao profesorado os cambios necesarios na orde de permisos docentes" para igualar os de ambos os proxenitores en 22 semanas.

É máis, o sindicato xa trasladara a solicitude á Consellaría de Facenda e Administración Pública, responsábel de Función Pública, para poder "aplicar ese dereito con carácter xeral" a todo o persoal autonómico.

Ante o recurso presentado pola Xunta contra a sentenza do TSXG de xuño do ano pasado, que está pendente de resolución, a CIG lamenta que "durante todo este tempo" as persoas que tivesen fillos "viron limitados os seus dereitos por unha actitude da Xunta e da propia Consellería de Educación de imposible xustificación".

No caso de que a administración siga sen aplicalo, a central nacionalista advirte que "só queda a opción de reclamalo, tanto na vía administrativa como na xudicial".