Semana de mobilizacións e protestas coincidindo co inicio do curso escolar: as ANPA alzan a voz contra os recortes

Crianzas do CEIP de Barouta, en Ames. (Foto: Arxina)
A Confederación de Anpas Galegas demanda máis profesorado para "compensar" a redución do horario lectivo dos docentes mentres advirte, remitíndose ao período de matrícula, de problemas coas ratios de alumnado, en base ao novo acordo subscrito pola Consellaría de Educación.

Nun comunicado dirixido aos medios, Anpas Galegas asegura que aínda non estiveron presentes no acordo sobre "medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo", este supón un avance sobre "a situación existente".

En concreto, alude a cuestións como "reducir a 20 os alumnos e alumnas por aula", de forma progresiva a partir deste curso; "que o alumnado cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 ou 65 % compute, para efectos de ratio, como dous ou tres, respectivamente, ou que o horario lectivo do persoal docente de infantil e primaria se reduza a 23 horas".

"A nós non se nos convocou para ese acordo, pero aínda así concordamos con el", polo que supón de mellora á situación existente. "Con todo, non aplaudimos a temporalización aceptada, para nós demasiado demorada no tempo, nin a incerteza na que se deixan os resultados da súa aplicación".

A respecto diso, sostén que "xa no período de matrícula" constatouse que "non se ía a cumprir o asinado". "Os cocientes previstos non se respectan e os desdobramentos resultantes non se permiten", sostén a entidade en alusión a determinados centros e ás incidencias, engade, que xa lles comunicaron.

Sobre a redución horaria do profesorado, afirma que redundará "nunha mellora obxectiva do ensino público galego", pero engade que "tiña que vir necesariamente compensada coa contratación do persoal para cubrir o tempo que agora se reduce ao persoal docente que ten cada centro".

Necesidades educativas

"Se non se fai esta compensación, e non se está facendo, o resultado evidente é que cada centro escolar dispón de menos efectivos para a atención ás necesidades educativas constantes, haberá menor atención á diversidade, haberá unha dificultade real na cobertura das baixas que se poidan producir durante o curso e haberá menor dispoñibilidade para a realización de actividades exteriores ou colectivas", resume Anpas Galegas no seu comunicado.

"Nun contexto onde xa non sobraba ninguén, e onde a falta de persoal, sobre todo no apoio ao alumnado con necesidades específicas, era a norma cotián na que nos moviamos, unha redución que non se compense con novas contratacións de persoal, é un ataque frontal a un modelo de ensino que a Consellaría di 'mellorar'". Mentres, denuncia que as familias quedaron "á marxe das negociacións" sobre os agrupamentos de aulas.

Por outra parte, a confederación de ANPA alude xa a denuncias de problemas nunha trintena de centros en toda a Galiza, en localidades como Rois, Touro, Fene, Santiago de Compostela, Valdoviño, Ferrol, Ribas de Sil, Monforte de Lemos ou Abadín, entre outros.

Mobilizacións

Esta semana, coincidindo co inicio do curso xa avanzaron protestas a ANPA do Colexio Vila de Cee (Fisterra), que vén de facer pública unha denuncia ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial de Educación ante o que considera "un grave incumprimento das ratios asinadas pola Consellaría de Educación". Esta terza feira concentraranse ás 19 horas na Praza 8 de Marzo.

Tamén as familias do colexio de Pedrouzos de Brión (Compostela), mobilizaranse esta cuarta feira, 11 de setembro, primeiro día de escola, contra os recortes que prexudican a calidade educativa. Xuntaranse na porta principal do colexio entre as 10 e as 11.