Sanidade

O Sergas é condenado a indemnizar unha muller á que con 24 anos lle foi extirpado o útero por unha diagnose errónea

Sede da Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)
A prexudicada era unha muller de 24 anos de idade no momento dos feitos, en 2007, cando foi derivada ao CHUS para ser intervida por un suposto tumor no intestino, coa sospeita de que tiña un cancro colorrectal.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estimou un recurso dunha paciente do Sergas e condenou a administración sanitaria a indemnizala en 80.000 euros por extirparlle o útero, tras diagnosticala dun cancro colorrectal sen facerlle unha biopsia do tumor, e cando o tratamento non era necesario, porque as análises posteriores demostraron que, o que en realidade tiña, era unha tumoración benigna por unha endometriose.

A prexudicada era unha muller de 24 anos de idade no momento dos feitos, en 2007, cando foi derivada ao CHUS para ser intervida por un suposto tumor no intestino, coa sospeita de que tiña un cancro colorrectal.

Esa sospeita derivou da sintomatoloxía que presentaba, dunha colonoscopia incompleta e outras exploracións. Con todo, recolle a sentenza, "non se lle realizou a colonoscopia con biopsia recomendada ao ingreso, polo que non se contou, antes da cirurxía, coa filiación da tumoración".

Deste modo, a moza foi operada "con criterios oncolóxicos" e extirpóuselle parte do intestino, o útero (histerectomía), o cérvix e os dous primeiros centímetros da vaxina, "até alcanzar tecido san". As análises posteriores evidenciaron que "a tumoración era benigna e viña formada por tecido endometrial", de maneira que o diagnóstico histopatológico postoperatorio foi de endometriose.

Reclamación

A paciente reclamou por danos e prexuízos, xa que, ademais dos inconvenientes propios da cirurxía (tivo que estar varios meses portando unha bolsa de feces conectada á abertura da parede abdominal e posteriormente foi intervida para unha reconstrución do tránsito intestinal e feche da ostomía), perdeu a capacidade de ter fillos. En primeira instancia, un xulgado do contencioso administrativo de Santiago estimou parcialmente o seu recurso e condenou ao Sergas para indemnizala en 40.000 euros.

Tanto o Sergas (e a súa aseguradora) como a paciente recorreron esa sentenza. A administración fíxoo para pedir que se revogase alegando, entre outras cuestións, que os feitos prescribiran (xa que a reclamación administrativa se fixo en 2019), mentres que a paciente reclamaba ser indemnizada en máis de 157.000 euros.

O TSXG determinou que a acción "non pode considerarse prescrita" e estimou parcialmente a demanda da prexudicada, atendendo especialmente á súa idade no momento dos feitos, 24 anos, e ao feito de que non tiña fillos e "a súa xa imposíbel esperanza de poder ser nai no futuro".

Así, expón que se deu o suposto de perda de oportunidade porque non se fixeron todas as probas que se debían facer ante os síntomas da muller e, por tanto, realizouse unha intervención "con sospeita dun diagnóstico, non coa certeza do mesmo". Se se actuase doutra maneira, "é posíbel que non se tivese que chegar á histerectomía total".