O Sergas é condenado a pagar 90.000 euros a unha muller declarada incapaz tras derivala á concertada para unha operación

Sede da Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)
Segundo relata a sentenza, en 2014 a muller foi diagnosticada de hipertiroidismo e en decembro de 2018 foi incluída nunha lista de espera para someterse a unha tiroidectomía total. Así, "para alivio das listas de espera cirúrxica", foi remitida ao Hospital Quirón de Pontevedra.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 90.000 euros a unha muller que con 30 anos tivo que ser declarada en incapacidade permanente, despois dunha operación por hipertiroidismo practicada no Hospital Quirón Saúde de Pontevedra, centro concertado coa sanidade pública.

A sentenza con data de 9 de outubro de 2023, sinala que a clínica á que foi derivada a paciente non contaba cunha técnica de neuromonitorización intraoperatoria -denominada NMIO- que si tiña o Hospital Álvaro Cunqueiro.

A intervención cirúrxica realizada en maio de 2019 provocoulle lesións nuns nervios da garganta e, desde entón, sofre de secuelas como disfonía, disnea e disfaxia, con atragantamentos e necesidade de empregar espesantes para poder inxerir alimentos.

Segundo relata a sentenza, en 2014 a muller foi diagnosticada de hipertiroidismo e en decembro de 2018 foi incluída nunha lista de espera para someterse a unha tiroidectomía total. Así, "para alivio das listas de espera cirúrxica", foi remitida ao Hospital Quirón de Pontevedra.

Tras a operación en maio de 2019, sufriu dunhas graves secuelas que terminaron cunha declaración de incapacidade total permanente para a súa profesión habitual -profesora de Educación Infantil- por parte da Seguridade Social en novembro de 2020, cando tiña 30 anos.

Así, unha vez desestimada a súa reclamación pola vía administrativa, recorreu á xustiza reclamando unha indemnización de 296.171,30 euros. Con todo, a xuíza que estimou a súa demanda rebaixou a contía a 90.000 euros.

"Falta de disposición de medios"

A maxistrada considera vulnerada a 'lex artis' por "falta de disposición de medios" a favor da paciente, xa que o hospital concertado non contaba coa técnica NMIO que si había no Álvaro Cunqueiro. De feito, tal e como explica a sentenza, un informe da Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía sinalaba como "altamente recomendábel" a aplicación desta neuromonitorización como "mecanismo de confirmación ou aseguramento" para identificar ben o nervio durante unha cirurxía complexa.

É máis, un informe do xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) advertía que, aínda que esta técnica "non é fundamental" para a operación, a súa non utilización "dificulta a localización dos nervios e a súa posíbel lesión".

Por tanto, a maxistrada dá por acreditado que "non se puxeron ao dispor da paciente todos os medios que exixía o tipo de cirurxía" para "extremar a precaución e controis" nunha intervención de tal complexidade.

Así mesmo, considera "insuficiente" o consentimento informado que asinou a nova, porque o documento non mencionaba a dificultade respiratoria ou á disfaxia que sufriu despois e pola que acabou declarada incapaz.

Por todo iso, a xuíza estima a demanda, aínda que só parcialmente, e obriga á Administración para abonar á afectada 90.000 euros -uns 200.000 menos que os que reclamaba-, máis os intereses legais desde que se interpuxo a reclamación administrativa.Contra esta sentenza cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).