O Sergas considera que unificar os PAC de Moaña e de Cangas supón unha "maior eficiencia e calidade"

O xerente do Sergas, José Ramón Parada. (Foto: Xunta da Galiza)

Para a alcaldesa de Moaña, vila do Morrazo que leva catro anos sen PAC após Sanidade desprazar este servizos a Cangas, a proposta do xerente do Sergas “non mellorará o servizo” sanitario da comarca.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, considerou esta quinta feira que unificar os puntos de atención continuada (PAC) das localidades de Moaña e de Cangas (O Morrazo) supón unha "maior eficiencia e calidade" para as e os pacientes.

Así o sinalou na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento da Galiza, onde foi preguntado polo deputado do BNG Paulo Ríos sobre cando pretende a Xunta da Galiza reabrir o servizo de urxencias sanitarias de Moaña, que foi fechado durante a pandemia.

A “opinión” do Xerente do Sergas non toma a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, “por sorpresa”. “Fai estas declaracións despois de levar o PAC de Moaña para Cangas hai catro anos coa escusa da Covid-19 e negarse a devolvérnolo até o de agora, primeiro coa escusa de que aínda non se recuperara o nivel de seguridade sanitaria tras a pandemia e, agora que xa están coas obras do novo centro de saúde, cun convenio no que ía vinculada a cesión da parcela ao Sergas de maneira gratuíta con que o centro sanitario dispuxese de PAC”, explica a rexedora.

“Secuestro” do PAC en Cangas

“Eu só lle pido ao xerente que revise o convenio e que o cumpra. Moaña, segundo o convenio, ten que ter un PAC”, exixe Santos. A veciñanza de Moaña leva 134 semanas consecutivas mobilizándose para conseguir a mellora da sanidade pública da súa localidade, “deixando claro que non admite o que está a pasar: o secuestro do PAC de Moaña en Cangas”.

Segundo a alcaldesa de Moaña, o desprazamento do PAC de Moaña a Cangas “non mellora o servizo, pois o único que están a facer é aforrar o servizo do PAC. Para o Sergas, con que haxa dous equipos é suficiente. Entón, se algún dos equipos falla por calquera circunstancia non cobren esas ausencias e a realidade é que en vez de ter un PAC con tres equipos —o de Moaña e os dous de Cangas, que deberían estar prestando servizo—, en moitas ocasións só temos dous equipos de medicina e de enfermaría”. O que pretende Sanidade, a ollos da rexedora, é reducir equipos do PAC que ten asignados neste momento o Morrazo.

Desde o Concello de Moaña “non poden admitir esta baixada de nivel” no servizo de atención sanitaria da comarca, que cualifica de “precarización absoluta”. O “secuestro” do PAC de Moaña en Cangas implica que veciñas e veciños de Meira ou Domaio teñan que desprazarse máis de 10 ou 15 quilómetros até Cangas “para que logo os deriven a un hospital”, o que supón desfacer o camiño para dirixirse a un dos hospitais de Vigo. “Esta é a realidade e non é funcional nin resolutivo”.

Respecto diso, e tras defender o traballo realizado pola Consellaría de Sanidade, Parada dixo que o Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas atende unha poboación dunhas 46.000 persoas cunha dotación de tres médicos e tres enfermeiros. Así, comparouno co de Vigo, que dispón de catro médicos e catro enfermeiros para 300.000 habitantes. Esquecendo Parada, segundo a alcaldesa de Moaña, que Vigo ten hospitais de referencia con urxencias as 24 horas do día.

Parada tamén negou a existencia de "colapso" no PAC de Cangas e reivindicou a necesidade de garantir a asistencia sanitaria a todas as galegas e galegos cos recursos dispoñíbeis en base a criterios obxectivos.