Denuncia de CIG-Valdeorras

“O Sergas fai contratos falsos ao persoal”

sergas

CIG-Saúde da área do Barco de Valdeorras vén de denunciar publicamente o que entende que é unha actuación ilegal do Servizo Galego de Saúde na comarca en relación á contratación.

O sindicato nacionalista CIG denuncia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fai contratos falsos ao persoan na área sanitaria do Barco de Valdeorras. “Están a facer contratos falsos nos que figuran como contratadas persoas que non o están nese momento e ás que se lle programa a realización de xornadas dobres en datas distintas”, afirman desde esta central. Isto representa un incumprimento da normativa laboral, “xerando un risco cara aos doentes por sobrecarga laboral e incrementando ademais os custos precisos para a cobertura das necesidades”.

Denuncian tamén a falta de contratación de especialistas en determinadas áreas ao tempo que critican “o incumprimento sistemático das promesas e acordos recollidos en actas en relación a coberturas de substitucións de centros de saúde onde se seguen a facer contratacións a tempo parcial, ocasionando unha perigosa diminución dos recursos sanitarios, o que é especialmente grave nas areas rurais afastadas.

Por todo isto consideran que a actual xestión da sanidade pública en Valdeorras está a ser “inadecuada, claramente economicista e privatizadora”. Acusan os representantes do Sergas de desprezar e infravalorar a sanidade ourensá e os seus profesionais “ao non acudir ás reunións cos representantes dos traballadores que están regulamentariamente planificadas e deixando sen apenas capacidade de xestión algunha aos actuais responsables secundarios desta área”.