O Sergas indemniza con 30.000 euros unha moza polo falecemento intrauterino da súa filla

Hospital Lucus Augusti de Lugo (Foto: Wikipedia).
A muller, de 28 anos, sufriu o falecemento intrauterino da súa filla cando se atopaba en avanzado estado de xestación (37 semanas).

A Consellaría de Sanidade emitiu unha resolución na que estima parcialmente a reclamación dunha paciente da Área sanitaria de Lugo, de 28 anos de idade, que sufriu o falecemento intrauterino da súa filla cando se atopaba en avanzado estado de xestación, e estabelece para ela unha indemnización de 30.000 euros.

O proceso foi tramitado pola letrada Emma Pallardó, da Asociación Defensor do Paciente, e iniciouse despois de que, en novembro de 2020, a paciente (na súa semana 37 de xestación) acudise ao PAC de Becerreá ao notar unha repentina dor no estómago e as costas, e con vómitos.

Alí tomóuselle a tensión, cun resultado de 160/90 e, aínda que ese dato supoñía un risco e un indicio de posible preeclampsia, a doutora que a atendeu diagnosticoulle unha epigastralxia e receitoulle Primperán e paracetamol.

Cinco días despois, preocupada porque non notaba movementos do bebé, acudiu ao Hospital Lucus Augusti, onde se advertiu a ausencia de latexo fetal e desprendemento de placenta, co resultado de falecemento da súa filla.

A paciente presentou unha reclamación e o Sergas recoñeceu que, cando acudiu ao PAC, cumpría os requisitos para considerar o risco dunha preeclampsia, polo que debía ser sometida a unha ecografía e derivada de forma inmediata ao hospital. Alí, sostén Defensor do Paciente, podería salvar a vida do bebé mediante un parto inducido.

Con todo, Sanidade estabelece como criterio indemnizador a 'perda de oportunidade' ao non poder asegurarse que, cunha actuación distinta, poidese salvar ao feto. En todo caso, estabelece unha indemnización de 30.000 euros, fronte aos máis de 90.000 euros que reclamaba a paciente.

O Defensor do Paciente trasladou, en nome da muller, a súa esperanza de que esta resolución poña o foco "na falta de atención que sofren moitos pacientes nos centros de saúde, onde son atendidos con présas, sen prestar a adecuada atención a síntomas que, en ocasións como a presente, poden poñer en risco a vida e/o saúde das persoas".