O Sergas deberá indemnizar unha viguesa con 20.000 euros polo atraso na súa cirurxía de reasignación de sexo

Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
Estivo anos loitando nos xulgados para que a sanidade pública autorizase a intervención.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar parcialmente o recurso interposto por unha viguesa diagnosticada coa síndrome de Harry Benjami, coñecida como disforia de xénero, polo que obriga o Sergas a indemnizala con 20.000 euros polo atraso nos trámites para que puidese someterse a unha cirurxía de reasignación de sexo.

Esta viguesa estivo anos loitando nos xulgados para que a sanidade pública autorizase a intervención, e mesmo denunciou publicamente a súa situación e os prexuízos que esa disforia estaba a ocasionarlle, chegando a padecer unha síndrome depresiva crónica.

Tras unha longa batalla, e perante unha sentenza xudicial, conseguiu que o Sergas autorizase e custease unha intervención cirúrxica nunha clínica privada de Barcelona, a única que no Estado español realizaba a operación que ela necesitaba, en xaneiro de 2015.

Posteriormente, a recorrente presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial ante o Sergas, por atrasar cinco meses a valoración previa á operación e por unha suposta mala praxe que empeorou a súa situación emocional. Sanidade rexeitou a reclamación, mais un xulgado deulle parcialmente a razón e condenou o Sergas a indemnizala con 6.000 euros.

A muller presentou un recurso ante o TSXG, que estimou parcialmente as súas pretensións e aumentou até os 20.000 euros a indemnización, ao entender que houbo "perda de oportunidade" polo atraso na valoración e, consecuentemente, atraso na operación.

Con todo, o alto tribunal galego considera que non hai indicios para falar de mala praxe médica. Así, segundo a sentenza, o atraso na intervención non é por si mesma a causa que provocou os seus problemas psicolóxicos, nin as complicacións posteriores á cirurxía —tivo que ser tratada dunha fístula e non recibiu a alta definitiva até 2017—, senón que concorreron outros factores.