O Sergas mantén silencio a respeito do recurso contra a sentenza do caso da muller que enviou a abortar a Madrid

“Non imos dar declaracións nin facer ningunha valoración ao respeito”. Así se pronunciou a Consellaría de Sanidade a respeito da presentación, por parte da compañía aseguradora, dun recurso contra a sentenza que condena o Sergas a pagar 273.139,82 euros logo de derivar un aborto a Madrid.

A Consellaría de Sanidade nin impediu que a súa aseguradora, a compañía Zurich, presentase un recurso contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo que condena o Sergas a aboar 273.139,82 euros a unha paciente que enviou a abortar a Madrid nin ofrece ningún tipo de explicación.

En reiteradas ocasións, Sermos Galiza púxose en contacto coa Consellaría de Sanidade para tratar de coñecer cal é a súa valoración sobre a presentación do recurso, mais o único que apuntou, a través do gabinete de comunicación, foi que “non imos dar declaracións nin facer ningunha valoración ao respeito”.

Quen se pronunciara tras coñecer a sentenza os medios de comunicación foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen ofreceu as súas “desculpas” e admitiu que “temos que dar cunha solución e buscar a fórmula para que os abortos se produzan nos hospitais de Galiza con carácter xeral”. Porén, pasou case un mes desde que se coñecera a sentenza e a Consellaría de Sanidade aínda non encetou os pasos para modificar o protocolo de actuación arredor dos abortos.

O obxectivo: aforrar cartos

O porqué do recurso da compañía aseguradora Zurich contra a sentenza só ten un obxectivo: o aforro de recursos económicos con independencia das consecuencias físicas e psicolóxicas que sufriu a muller. Segundo a avogada da paciente, Francisca Fernández Guillén, Zurich querería pagar arredor de 100.000 euros (a sentenza imponlle ao Sergas 273.139,82 euros) e para conseguilo solicita no recurso que se contemplen os criterios de dano corporal que se empregan nos casos de accidentes de tráfico.

A letrada admitira en declaracións a Sermos Galiza que lle parecía “ridículo” que a aseguradora queira pagar uns 100.000 euros dados os danos que padeceu a muller de 32 anos que perdeu o útero e que case perde a vida após a demora na autorización para abortar. Como consecuencia da actuación do Sergas, Paula (nome ficticio) tivo que se desprazar a Madrid para poder abortar o seu feto con graves danos nunha clínica privada e, dada a hemorraxia uterina que presentou e que case lle custa a vida, foi atendida finalmente no Hospital La Paz. Foi neste centro público madrileño onde naceu viva a súa filla (morreu á hora e media) e onde se lle practicou unha histerectomía.