Sergas recibe "máis de 7.000 chamadas ao día" e solicita que “fiquen na casa” quen proceda doutros territorios do estado

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) recibe "máis de 7.000 chamadas ao día" no 061 e 900 400 116, habilitado para responder preguntas e proporcionar información sobre o coronavirus Covid-19 a posíbeis persoas afectadas. O Sergas apela a persoas doutras comunidades ou países con maior transmisión para "ficar na casa", aínda que non teñan síntomas.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quen subliñou que Galiza "está fundamentalmente na fase de recoller mostras" na casa, pero aclarou que no noso país o coronavirus ten unha "incidencia" menor que noutros territorios do Estado.

"O noso traballo consiste en informar e intentar deter, dentro da situación de dificultade, a circulación do virus", dixo o xerente do Sergas.

Por este motivo, insiste en que quen ten síntomas -como tose, febre ou dificultade respiratoria- chame ao teléfono de información ou ao 061 e se a situación é grave siga as instrucións do persoal sanitario.

Fernández-Campa sinalou que o Sergas tenta concentrar a maior actividade sanitaria a través da consulta telefónica e canalizar información sobre o coronavirus a través do 900 400 116 e no 061 en casos graves. Así, incidiu en que ás "máis de 7.000 chamadas diarias a estes teléfonos" hai que engadir ás realizadas en centros de saúde.