O Sergas recúa e ten que modificar o protocolo de urxencias pediátricas para Vigo

(foto: Nós Diario).
Profesionais e usuarias rexeitaron o procedemento.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai modificar o protocolo de Pediatría de Vigo que comezara a aplicar hai unhas semanas. O malestar xerado entre profesionais e usuarias e as protestas de sindicatos e organizacións políticas levaron a Consellaría de Sanidade a ter que aceptar que hai que cambiar este protocolo, que propuña  derivar a Enfermaría e a atención telefónica as urxencias de crianzas que chegasen a centros de Atención Primaria onde non hai pediatras.

O Sergas fala de "variar" o documento mais desde centrais como a CIG ou organizacións políticas como o BNG —que rexistrou iniciativas sobre este protocolo no Parlamento galego— o que se pide á a "retirada" do mesmo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intentou onte botar balóns fóra cando foi preguntado polos medios sobre este tema. Recoñeceu, iso si, que existe unha "situación localizada" na área de Vigo, onde o número de pediatras "non é o que gustaría". Tamén recoñeceu que os profesionais indicaron á Administración galega que había outras opcións preferíbeis á inicialmente exposta desde a Consellaría de Sanidade. Neste sentido, subliñou que o que suxire o persoal profesional na materia é que se non hai pediatras, os nenos e nenas sexan atendidas sen cita previa no PAC ou no Hospital Álvaro Cunqueiro. 

Sen especialistas

Até 17,7% das prazas de Pediatría ofertadas nos centros de saúde da Galiza non están cubertas por persoas especializadas nesta rama da medicina. Dentro desta porcentaxe, 4,6% corresponde a prazas que, directamente, están vacantes —16 de 343—, mentres outro 13,1% fai referencia a aquelas ocupadas por médicos de familia puericultores .

A principios do mes de abril, había na Galiza un total de 11.478 menores que non tiñan un pediatra asignado, segundo datos que naquela altura ofreceran desde a Asociación Española de Pediatría.