Novo número

O Sermos Galiza achega unha visión global arredor da violencia machista

[Imaxe: Francisco del Castillo] Performance do Mércores Negro

O Sermos Galiza 223, á venda desde a noite desta cuarta feira na loxa online e nos quiosques a partir da quinta feira, inclúe un caderno especial sobre a violencia machista. Trátase dun A Fondo coordinado por Luz Darriba que achega aos lectores e lectoras unha visión global con motivo do 25 de novembro.

Xunto co novo número do semanario Sermos Galiza, publicamos un caderno especial sobre violencia machista coordinado pola artista multidisciplinar e activista feminista Luz Darriba. O suplemento incorpora unha visión global a respeito do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con achegas desde Galiza e desde Latinoamérica.

“O obxectivo pasa por termos unha visión máis completa do que representa esta lacra e do que tamén fai Latinoamérica, onde os movementos de mulleres están en pé contra a violencia machista”, indica a coordinadora, consciente de que “fica moito por facer para parar algo que semella imparábel”.

Luz Darriba: “Gostaría de que a xente tomase consciencia de que a violencia machista é algo que temos que parar entre todos e todas"

“Gostaría de que a xente tomase consciencia de que a violencia machista é algo que temos que parar entre todos e todas. Un dos pasos fundamentais é considerala unha cuestión de Estado, que se lle dea o tratamento que lle hai que dar e que se adopten medidas para que non nos estean matando como nos matan”, salienta Luz Darriba.

Colaboracións

Entre as colaboradoras deste A Fondo atópanse Liliana Hendel, psicóloga, xornalista e docente que coordina a rede internacional de xornalistas con visión de xénero da Arxentina; Micaela Fernández Darriba, directora da Revista Virtual de Xénero Foeminas; Mar Esquembre Cerdá, profesora de Dereito Constitucional na Universidade de Alacante e presidenta da Rede Feminista de Dereito Constitucional, e María Xosé Porteiro, política, xornalista e escritora feminista.

Aliás, Luz Darriba entrevista Coral Herrera, doutora en Comunicación Audiovisual, escritora e creadora do Laboratorio do Amor, quen analiza tópicos como o amor romántico e a súa repercusión nas nosas vidas. Tamén conversa con Claudia Mandel, docente da UCR e directora do Museo das Mulleres de Costa Rica, que vén de publicar Estéticas do Bordo. Prácticas artísticas e violencia contra as mulleres en Latinoamérica.

“Pareceume moi interesante contactar con persoas que formaron parte do Encontro Rosario, no que participaron perto de 100.000 persoas, e do Mércores Negro, e coñecer experiencias como as arxentinas, pois o tema é continental e temos que contaxiarnos”, engade.

 

[Este especial publicarase xunto co Sermos Galiza 223, á venda a noite c na loxa online e nos quiosques a partir da quinta feira]