#sermos231: Méndez, o banqueiro que cobrou e librou da cadea

Máis un novo número do semanario xa na rúa. Con entrevistas a Xosé Regueira e Anric Massó. Afondamos no sexismo que agochan as palabras. Debullamos o verdadeiro custo da venda das caixas galegas, lembramos Fernández de Andeiro, o diplomático galego que triunfou en Portugal... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

O home que controlou durante 29 anos a entidade do norte quedou libre das condenas de prisión polas millonarias indemnizacións a directivos na fusión das caixas galegas, malia percibir a contía máis elevada de todo o Estado. Desde a súa saída, a familia Méndez multiplicou os seus investimentos coa xubilación de ouro do patriarca. Uns negocios que van desde o sector inmobiliario a sociedades de inversión. Un tema que tratamos a fondo en ‘O clan Méndez e os negocios á sombra dos cartos de Caixa Galicia’.

‘Linguaxe sexista, mulleres invisíbeis’.  As palabras seducen. Teñen a capacidade de modificar a percepción que temos da realidade e tamén de construíla. Constitúen, ademais, un dos principais resortes do poder, pois son quen de condicionar a quen as escoita e de moldear a súa facultade para imaxinar, razoar ou pensar. É por iso que as mulleres dicimos que se non nos nomean, non existimos. Afondamos no sexismo que agochan as palabras.

S.O.S castiñeiros

O Dryocosmus kuriphilys Yasumatsu está a causar estragos noscastiñeiros do país, nomeadamente nos soutos das comarcas do interior. Os medios de propagación deste organismo nocivo son a propia actividade dos humanos, o transporte accidental do insecto e a plantación ou enxerto con material vexetal de castiñeiro infestado. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro traballa xa na loita contra este insecto orixinario da China. Unha problemática que ten cabida neste número do semanario en ‘S.O.S castiñeiros’.

Entevistamos Xosé Regueira, Deputado responsábel da área de Cooperación, Plans e Asistencia a municipios no goberno da Deputación da Coruña e portavoz do BNG , Xosé Regueira explica nesta entrevista o alcance no cambio de modelo de xestión que supón a recente aprobación do pioneiro POS+-Plan Único de Concellos que lle outorga maior autonomía ás administracións locais reducindo ao máximo a intervención do organismo provincial, no camiño do “adelgazamento” defendido pola organización nacionalista.

‘Errejón marca o terreo, con Iglesias á defensiva’ Que Vistalegre II non ía ser un paseo militar para o carismático líder de Podemos sabémolo desde decembro de 2016, cando se impuxo a Errejón pola mínima na votación das regras que rexirán o conclave. Agora, o sector oficial acaba de ceder ante os críticos nunha cuestión crucial, a da relación con outras forzas, ousexa, IU, En Marea e os comúns de Ada Colau.

Trump

O demócrata Barack Obama cedeu a Presidencia ao magnate republicano Donald Trump. O decepcionante legado dos oito anos de mandato de Obama alimentan a desafección sob a que Trump edificou a súa vitoria electoral e coa que pon en marcha un novo ciclo político baixo a consigna de “América primeiro”. ‘Trump inicia mandato sob o fracaso da ‘Obama hope’

‘Primarias socialistas a ningures’. O Partido Socialista escollerá este domingo, na segunda volta das eleccións primarias, entre o crítico Benoît Hamon e o ex primeiro ministro Manuel Valls. A desavinza entre o Partido Democrático Unionista e o Sinn Féin, socios de goberno en Irlanda do Norte, por causa dun presunto caso de corrupción, provocou a convocatoria de eleccións anticipadas para o próximo 2 de marzo. Michelle O’Neill asume o liderado do Sinn Féin após a retirada voluntaria do histórico Martin McGuinness. ‘Belfast vai a eleccións cun Sinn Féin renovado’.

‘Un resgate de luva branca’. Os 10.000 millóns de euros que habitualmente se citan como o custo do denominado resgate das caixas galegas fican curtos. Hai estudos e documentos que elevan esta cantidade a perto de 37.000 millóns de euros ao contabilizar outras axudas públicos (por exemplo, adquisición de activos) que van máis alá das inxeccións directas de capital. En Análise, Bernardo Valdês debulla o significado de fondo do TTIP para a soberanía dos pobos.

No ‘Fóra de serie’ volvemos cunha manchea de propostas. Falamos con Bocixa na selfie-entrevista, contamos do ciclo ‘Temos unha peza’ do Museo do Pobo Galego con Suso de Toro e Marcel Duchamp. Co colectivo Xea imos até Cabo do Mundo, no canón do Miño. Xogamos cos Bolechas...

Extintivos

Antón Lopo, en Extintivos, achéganos Anric Massó. Fala co inquietante poeta e arqueólogo de Bueu, que foi o primeiro estudoso en formular unha norma ortográfica lusista para o galego. Recoñece que “busco a esencia da poesía”.

E adentrámonos na fabulosa historia de Fernández de Andeiro, deulle entrada na Coruña ao rei de Portugal e intentou coa familia Castro trazar unha alianza anglo-luso-galaica fronte aos Trastámara. Logo, refuxiado no país luso, rematou converténdose nun dos grandes diplomáticos na Europa da Guerra dos 100 Anos. O seu asasinato deu lugar á revolución portuguesa de 1387 que asentou a independencia a respeito de Castela.

Ademais, neste semanario están as achegas de Marilar Aleixandre (‘Fríos números, números quentes’) e Guillerme Vázquez (‘Pouco cárcere para tanto expolio’). Xoán Costa escribe ‘Carta recomendada’. Xulio Carballo mergúllanos na banda deseñada de ‘Aram, O Armenio’. A crítica de Mario Regueira pousa os ollos sobre ‘Rosalía de Castro (Mulleres Bravas da Nosa Historia, 1)’ e a de cinema de Andrés Castro en ‘Captain Fantastic’. Iolanda Gomis lembra que “diferentes voces en diversos foros comezan a anunciar unha extinción universitaria programada da universidade tal e como a coñecemos hoxe”. E Olaia Ledo fálanos de ‘Curtas para Rosalía’. 

O número 231 do semanario Sermos Galiza xa está dispoñóbel na nosa loxa