O servizo de Prevención do Suicidio tratou 1.500 persoas

Acción do MGSM en Compostela, en setembro de 2022. (Foto: Nós Diario)
O Plan de Saúde Mental só incorporou a metade do persoal

Máis de 1.500 persoas foron atendidas polas Unidades de Prevención do Suicidio desde a súa posta en marcha.

Así o informou esta sexta feira, 8 de setembro, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, na inauguración da xornada decorrida na consellaría con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio, que se conmemora mañá, e á que tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

Unha xornada, a de mañá, en que volverán soar na praza de Pratarías de Compostela as 'Badaladas pola prevención do suicidio', nun acto que organiza anualmente o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM).

As Unidades de Prevención do Suicido, existentes en cada unha das áreas sanitarias do país, estabelecen un tempo de atención non superior a sete días desde a derivación, que se reduce a 72 horas no caso de apreciarse un alto risco de autolesión. Contan con persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista en saúde mental que, "de maneira proactiva, garanten unha atención personalizada e continuada" a cada persoa.

Falta de recursos

Estas accións encádranse no Plan galego de prevención do suicidio, que á súa vez está incluído no Plan de saúde mental da Galiza 2020-2024, que formulaba o "compromiso" de contratar 241 profesionais. Porén, a falta dun ano para completar a súa vixencia, tan só se incorporou pouco máis da metade do persoal previsto.

Precisamente, este é un dos aspectos que reclaman colectivos como o MGSM: a creación dun orzamento anual para o Plan de prevención do suicidio, o que permitiría coñecer as circunstancias e condicións que se poden relacionar cun maior risco de suicidio. 

Colectivos como Feafes ou Andaina pola saúde mental tamén pediron esta sexta feira máis "sensibilización" e "visibilidade" para acabar co "tabú do suicidio".