Entrevista

Serxio Núñez (Santiso Vivo): "A celulosa de Altri en Palas de Rei vai crear un problema laboral en toda a contorna"

Serxio Núñez na andaina contra Altri do pasado domingo. (Foto: María Monteiro)
Serxio Núñez é natural da parroquia de Visantoña (Santiso, Terra de Melide). Mestre de primaria, é ademais abandeirado da loita contra a instalación da celulosa de Altri no concello veciño de Palas de Rei. Co nacemento da Plataforma Ulloa Viva, creouse o colectivo Santiso Vivo, do que Serxio Núñez é voceiro.

—Afectaría a instalación da celulosa de Altri no Predio de Quintas de Palas de Rei (A Ulloa) ao concello limítrofe de Santiso (Terra de Melide)?
Santiso está afectado xa de primeiras pola captación da auga, porque a tubaxe marioritariamente atravesa este concello desde Agolada (O Deza) cara a Palas de Rei. Desde o primeiro momento que se coñeceu isto xa houbo unha especial preocupación e de feito o propio Concello facilitou nese proceso a presentación de alegacións diante de Augas da Galiza mesmo de xente doutros municipios, que non estaban informando do tema. 

—Ademais da auga, Santiso está a 4 quilómetros en liña recta do Predio de Quintas…
Esa é outra das afectacións, o que suporía ter esa industria aí, unha industria que ela mesma di que é de enclave, o que significa que non vai fechar o círculo e non vai facer que outros sectores produtivos se desenvolvan na zona. Levaríamos todo o malo e non repercutiría nada positivamente na nosa contorna.

—A preocupación nótase na masiva participación veciñal en actividades como a andaina do domingo en Santiso.
O que pasa en Santiso é que temos unha base social moi organizada de sempre, cando saíu o anuncio no Diario Oficial da Galiza (DOG) xa houbo mobilización entre as asociacións da zona. Había moita xente que tiña certo medo a opinar, e o que fixemos foi abrir o debate para que a xente poida libremente falar e dar a súa opinión. Foi un éxito total porque a partir de aí a xente comezou a falar do tema e vese moi claramente que a maior parte está en contra de Altri. Decidimos informar a xente xa que a Xunta non o fai.

—O mes pasado Altri cancelou con apenas unhas horas de antelación a reunión á que convocara a veciñanza de Santiso. Agora o seu concello rexeitou o convite para ir a Portugal visitar as celulosas de Altri. Cal é a estratexia?
Este conto que acaban de facer con alcaldes e medios chega moi tarde. Xa hai dous anos que solicitamos múltiples veces á empresa que viñera explicar que queren facer aquí, e despois de mentir veñen agora con isto. Como pretenden que agora nos fiemos de calquera cousa que digan? Din unha cousa e no Estudo de Impacto Ambiental aparece outra.

—A actitude da empresa coa veciñanza, ao non acudir á reunión e acusala de violenta, a que se debe?
Pensaron que viña a "pailandia" e houbo moitas persoas que pasamos traballo para buscar información ao respecto do que estaba pasando co Proxecto Gama [para a construción da celulosa] e como nos ía afectar. Viñeron con mentiras incríbeis e seguen porfiando nas mentiras porque seguen dicindo que non é unha celulosa, cando o propio DOG di que o é.

—Os anuncios da Xunta e da empresa sobre os postos de traballo que crearía Altri tiveron algún efecto na veciñanza á hora de tomar posición?
O que falan dos postos de traballo que van crear demostra que non teñen nin idea de onde queren montar a macrocelulosa. Empezaron por dicir que somos unha contorna "deprimida", algo que é totalmente mentira. Aquí o paro estrutural é tan pequeno que nas empresas do polígono industrial da Madanela (Melide) hai problemas para conseguir traballadores. Se instalan Altri vaise crear un problema no mercado laboral. En ningún momento foi unha preocupación da poboación o tema dos postos de traballo, a xente non é parva co baile de cifras, primeiro anunciaron 2.500 directos, despois 500, agora din que serán 200... En Portugal Altri ten tres plantas e en total 776 traballadores en plantel.

—Verías a celulosa de Palas de Rei desde Santiso?
Din que van facer unha cheminea de 75 metros e, ao tempo, que non nos preocupemos polo impacto visual porque van plantar carballos arredor, si... carballos de 75 metros! Un dos impactos máis importantes é o visual, na área recreativa da Cornella, un sitio privilexiado do noso concello, veríamos o mamotreto incríbel. Padeceríamos todo o que van botar polo ar e na auga. O único tramo máis ou menos ben conservado do Ulla desde Portodemouros até Antas é precisamente o sitio que queren destruír coas verteduras, por non falar da afectación á ría de Arousa, a maior produtora de mexillón do mundo xunto coa China.

—Con que horizonte traballa agora Santiso Vivo?
Todo o tecido social da comarca de Terra de Melide, a Plataforma Ulloa Viva e o Colectivo Santiso Vivo porfiaremos en seguir dando información á poboación antes do día 17 de abril, que é cando remata o período de alegacións, pero tamén despois porque isto non remata. Seguiremos informando e dando este servizo público con toda a xente, autoxestionándonos, xa que a Xunta da Galiza non o fai.

Información e mobilización

Santiso Vivo está a facer un traballo de información á cidadanía que redunda nas masivas mobilizacións dos veciños e das veciñas en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei. Serxio Núñez é consciente da importancia de "autoxestionármonos nese tema, porque estamos desamparados desde o primeiro momento polas administracións competentes".

Por iso Santiso Vivo voltará a organizar a vindeira fin de semana unha nova andaina, "coa participación de persoas expertas e tamén cun descenso en kayak polo Ulla". O voceiro de Santiso Vivo anima "todo o mundo" a participar nesta nova iniciativa contra Altri na zona, "informarse, debater, opinar e participar, ese é o modo en que a veciñanza fai valer os seus dereitos".