AFECTAD@S POLA HEPATITE C ENVíAN UNHA CARTA @S PARLAMENTARES DO PP

"O seu voto semella máis un asañamento que unha decisión consciente"

Quique Costas, voceiro do colectivo, redixiu por correo-e unha misiva ao grupo parlamentar do PP na que demanda explicacións polo rexeitamente dunha iniciativa encamiñada a garantir o acceso ao tratamento d@s doentes.

 

Após tombar o PP unha moción presentada polos grupos parlamentares do BNG e AGE na que instaban a Xunta e o goberno español a "garantir o acceso a novas terapias para os doentes de hepatite C", a plataforma de afectad@s dirixiuse através do seu voceiro, Enrique Costas @s deputad@s do Partido Popular que votaron en contra. 

Nunha carta remitida por correo electrónico ao grupo parlamentar, o colectivo de doentes solicítalles unha "explicación" pola súa "conduta" ao considerar que "o seu voto semella máis un asañamento ou unha vinganza" en troca dunha "decisión consciente ou meditada". 

"O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada", denuncian

"Acudimos ao Parlamento hai algo máis dun mes", relata Costas en referencia á xuntanza mantida con todas as forzas parlamentares, crendo que "o Parlamento mantiña a función coa que esa institución naceu hai séculos: a defensa da cidadanía contra o poder", afirman. Porén, continúa, "atónitos asistimos ao terríbel e cruel espectáculo de ver como a maioría da cámara (vostede e as persoas da súa bancada) votaban contra unha proposición que parecía do máis elemental sentido humanitario (até común diría eu)", recolle a misiva. 

"O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada", denuncian desde a Plataforma de Afectad@s pola Hepatite C. Neste senso, solicitan lles sexan explicadas as razóns polas que rexeitaron a proposta. "Podería Vostede explicarnos que parte, palabra, xiro ou expresión do texto o moveu a premer un botón que nos fixo tanto dano?", din.